BUSCAR

FILTRAR

ÁREA
DATA

Memoria Anual 2022

Memoria corporativa e edicións anteriores

SUBSCRICIÓN AO NEWSLETTER

Reciba no seu correo toda a actualidade da Fundación Barrié

Subscribirse

CONTACTO DE PRENSA

Suzana Mihalic
Directora de Comunicación e Imaxe Corporativa


T. +34 981 060 091 / 659 459 030
smihalic@fbarrie.org


A Fundación Barrié e CIC nanoGUNE asinan este acordo

06-06-2016

  • A Fundación Barrié porá a disposición de CIC nanoGUNE a metodoloxía do seu Fondo de Ciencia para transferir resultados ao mercado.
  • Trátase dunha folla de ruta adaptable centrada nas fases de valorización, proba de concepto e comercialización de resultados científico-tecnolóxicos.

José María Arias, presidente da Fundación Barrié, e José María Pitarke, director xeral de CIC nanoGUNE, durante o acto do acordo
© Fundación Barrié

San Sebastián, a 6 de xuño de 2016. - D. José María Arias Mosquera, presidente da Fundación Barrié e D. José María Pitarke, director xeral do CIC nanoGUNE, asinaron hoxe en San Sebastián, un convenio que permitirá a nanoGUNE implementar a metodoloxía que a Fundación Barrié desenvolveu a través do seu Fondo de Ciencia para a transferencia de resultados científico-tecnolóxicos ao mercado.
 
Tal e como explica o seu presidente, “o Fondo de Ciencia da Fundación Barrié, baseado na filosofía 'aprender-mellorar facendo', serviunos como ferramenta para o deseño, desenvolvemento e a validación dunha metodoloxía contrastada desde a práctica que agora se pon a disposición de nanoGUNE. Con iso cumprimos na súa totalidade co noso obxectivo de deseñar e modelizar novos camiños que poidan ser replicados por outros axentes”. O Fondo de Ciencia foi creado en 2011 e é unha ferramenta para establecer unha metodoloxía e crear unha ponte para que a investigación excelente chegue ao mercado e que o mercado a retorne vía patentes, licencias, contratos con empresas etc. "O obxectivo deste convenio é permeabilizar e adaptar unha metodoloxía, unha folla de ruta, que pode facilitar o proceso de desenvolvemento e comercialización dos resultados de investigación no noso contorno”, indica José M. Pitarke. “Se ben é certo que, por mor da natureza diversa dos resultados e da súa potencial aplicación en diferentes mercados, non hai receitas únicas no eido da transferencia tecnolóxica, esta ferramenta permítenos coñecer experiencias que funcionaron en determinados ámbitos e adaptalas aos nosos propios desenvolvementos”, engade.
 
O acordo entre nanoGUNE e a Fundación Barrié permitirá a nanoGUNE seguir esta folla de ruta adaptable para os investigadores do centro donostiarra. Isto permitiralles afondar nos seus coñecementos sobre as características e requisitos dos procesos de transferencia de resultados ao mercado, de forma que poidan anticipar e prever as posibilidades de transferencia desde o momento no que se deseñan os proxectos de investigación. Por iso, “a nosa intención é coñecer a súa metodoloxía e facela chegar aos nosos investigadores para que dentro do propio centro se prevexan desde o inicio as necesidades e dificultades coas que se atoparán os potenciais resultados comercializables, facilitando deste xeito o seu desenvolvemento”, explica Pitarke. Por outra banda, e dada a natureza colaboradora de nanoGUNE, “incorporaremos esta metodoloxía en proxectos de colaboración, ben a través de programas de índole vasca (Goberno Vasco, DFG) de apoio á I+D e desenvolvemento tecnolóxico, ou ben en programas internacionais que contemplan a explotación comercial (Horizonte 2020)”, conclúe Pitarke.


En palabras de José María Arias, presidente da Fundación Barrié: "O Fondo de Ciencia da Fundación Barrié, baseado na filosofía 'aprender-mellorar facendo', serviunos como ferramenta para o deseño, desenvolvemento e a validación dunha metodoloxía contrastada desde a práctica"

Un Fondo de Ciencia para fomentar a innovación

O Fondo de Ciencia da Fundación Barrié financia as fases de valorización, proba de concepto e comercialización de resultados científico-tecnolóxicos xerados no sistema de investigación galego con potencial comercial e liderados por científicos e investigadores de recoñecida solvencia. Así mesmo, actúa como socio estratéxico na valorización dos resultados de investigación, na súa explotación comercial e na súa difusión á sociedade, para o que conta co asesoramento dun conxunto de expertos de nivel internacional, entre os que se encontra a empresa de transferencia de tecnoloxía da Universidade de Oxford, Oxford University Innovation Limited. Ao longo de todo o proceso, a Fundación acompaña e apoia de forma moi próxima o equipo en todas as fases do proceso, achegando intelixencia de negocio, capacidade de xestión, profesionalización da análise e estratexia, e pon ao servizo do proxecto toda a rede de contactos que foi desenvolvendo a fundación ao longo dos seus 50 anos de historia. Como resultado, o Fondo de Ciencia, dotado inicialmente con 5,5M€, apoiou cinco proxectos que ata hoxe supuxeron un investimento próximo aos 3M€, dos cales catro proxectos continúan vixentes. Dous xeraron start-ups e outros dous están en fase de validación comercial.
 
CIC nanoGUNE
O Centro de Investigación Cooperativa (CIC) nanoGUNE, situado en Donostia-San Sebastián, é un centro de investigación creado coa misión de levar a cabo investigación de excelencia en nanociencia e nanotecnoloxía, co obxectivo de incrementar a competitividade empresarial e o crecemento económico do País Vasco.
www.nanogune.eu
 
Fundación Barrié
A Fundación Barrié é unha fundación privada galega, creada en 1966 polo empresario Pedro Barrié de la Maza co obxectivo de fomentar o desenvolvemento socioeconómico e cultural de Galicia a través de programas nas áreas de Educación, Ciencia, Acción Social, Cultura e Patrimonio. Os programas na área de Ciencia obedecen a tres liñas estratéxicas e amosan un sólido compromiso da Fundación coa investigación en Galicia: apoio á investigación científica; formación do talento investigador e transferencia do coñecemento.