Carta do Presidente

2018 foi un ano fundamental na historia da Fundación. Ao longo de todos estes anos moitos foron os eidos nos cales grazas a un espírito de colaboración puidemos levar a termo actividades de grande importancia e non poucas veces de grande urxencia nun país dúas veces milenario. Moitas ocasións nas que pequenos xestos cando a Fundación estaba no xermolo se acabaron convertendo en grandes acertos. Mais poucas, ningunha en realidade, poden compararse á intervención no Pórtico da Gloria. Por iso, cando xunto á raíña emérita, dona Sofía, ao presidente da Xunta, ao ministro de cultura e ao arcebispo de Santiago, participei en representación da Fundación, mecenas único do proxecto, na inauguración da obra restaurada sentinme en realidade portador dunha gran responsabilidade, porque levaba nas miñas costas non só os anos compartidos coa anterior presidenta, Carmela Arias, e con todas as persoas que dende dentro e dende fóra remaron na nosa dirección, senón tamén unha realización da maior importancia para a Fundación e para a historia de Galicia. Era un momento en que todo o traballo anterior, e o futuro, cobraba importancia e sentido. A idea fundacional de Pedro Barrié, en primeiro lugar, pero tamén todo ese tecido de relacións nas que meu pai, Joaquín Arias, se revelara como o mellor diplomático, poñíanse de socate de manifesto e calquera podería dicir: isto é a Fundación Barrié.

Pero este ano tamén deu cabida aos nosos afáns máis asiduos tan importantes como os grandes fitos que á fin non fan outra cousa que resumilos. No capítulo da programación cultural debemos salientar sobre todo unha perda: o pasamento de Francisco Calvo Serraller, verdadeiro artífice dos nosos ciclos de conferencias, tanto dos Amigos do Museo do Prado como os do Museo Nacional Centro de Arte Raíña Sofía. Aínda que confiamos en reter algo do seu espírito tamén somos conscientes de nos atopar ante unha perda irreparable.

Unha exposición levada a cabo en colaboración coa Fundación Mapfre permitiunos traer a Galicia a obra de Graciela Iturbide, unha fotógrafa de prestixio internacional ao tempo exótica e afín á nosa cultura, en realidade a todas as culturas, que conectou axiña co público da nosa terra.

En Acción Social foi especialmente salientable a concesión da Medalla de Ouro da Fundación Barrié á Real Institución Benéfica Social Padre Rubinos, exemplo de entrega aos demais baseada nos valores cristiáns e tamén de busca de transformación da sociedade dando oportunidades aos máis vulnerables. Para nós foi unha verdadeira honra poder recoñecer o labor dunha asociación que nos acompaña dende sempre.

A educación, verdadeiro piar de toda a nosa acción, manifestouse en numerosas actividades que van dende as dirixidas ao público máis novo ata as bolsas de posgrao, pasando por programas como Piteas cuxas características xa forman parte do carácter da nosa Fundación, que non é outro que a vocación de acompañar e apoiar o talento da nosa terra coa finalidade de contribuír ao seu progreso.

Mais non podemos negar que, como dixen ao comezo desta breve presentación, 2018 é para nós e aínda para Galicia enteira o ano do Pórtico, con todo o que ten o Pórtico da Gloria de culminación pero tamén de anticipación da actividade futura. Un fito importante no camiño que nos enche de optimismo e confianza no futuro.

José María Arias Mosquera

Presidente da Fundación Barrié