Carta do Presidente

En 2017, ao tempo que recoñecemos o labor no padroado de Miguel Sanmartín, que renuncia por mor da idade mais a quen queremos seguir a sentir tan preto de nós coma sempre, damos a benvida a Darío Villanueva Prieto. Ter no padroado unha persoa da súa significación intelectual en Galicia e en España é ao tempo que un orgullo unha garantía máis da correcta orientación da nosa acción, cuxo cometido foi definido por Barrié de la Maza con palabras tan sinxelas como esixentes: procurar o progreso de nosa terra en todos os sensos e coa ferramenta fundamental da educación.

Durante o ano 2017, na área de Patrimonio e Cultura continuamos coa liña de exposicións de arquitectura, disciplina coa que estamos especialmente ligados desde a creación das escolas de Arquitectura superior e de Arquitectura técnica nos albores da Fundación. A exposición Sorolla, tierra adentro serviu para cumprir o dobre propósito de traer á nosa terra o que non ten e potenciar o que ten, así puido ver un Sorolla inédito que se inspirou na nosa paisaxe. Paralelamente a esta exposición levamos a cabo a dixitalización do arquivo fotográfico do museo Sorolla.

Este ano tamén se presentou a páxina web do arquivo da Real Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago, unha institución que desde finais do século XVIII e até inicios do século XX acolleu unha gran parte das iniciativas de fomento da nosa terra.

É precisamente este compromiso coa nosa realidade máis propia a que motivou a continuación da actuación sobre o Portal das Palabras e o dicionario da Real Academia Galega, que alcanzou este ano novos records de usuarios e consultas.

Pero o ano 2017 é, polo que respecta ao patrimonio, o ano da grande intervención no Pórtico da Gloria, un proxecto que afonda as súas raíces en 2008 e cuxa paciente demora dará agora por fin os seus froitos.

Tamén abordamos, creo que con valentía, un problema que debe de estar na primeira liña da nosa axenda: a crise demográfica, un problema que non se pode pospoñer pois nel radica naturalmente a nosa propia existencia como sociedade.

As nosas conferencias de arte levadas a cabo coa Fundación de Amigos do Museo do Prado víronse complementadas por un ciclo de arte contemporánea, que se levan a cabo con outra alianza que poderiamos cualificar de natural, coa Fundación de Amigos do Museo Reina Sofía.

O programa Máis Social seguiu a medrar. O máis destacable este ano foi quizais a axuda ás entidades sociais no aspecto da súa comunicación web, onde todos temos que aprender cada día porque aquí como en ningún outro ámbito se fai camiño ao andar, é outro dos trazos definidores da nosa actuación.

O programa de bolsas continuou en 2017 coas nosas bolsas de posgrao. Levouse a cabo unha importante remodelación dos ámbitos de relación da asociación de bolseiros á que dotamos dunha nova web onde prima a iniciativa de cada bolseiro e se facilita a súa capacidade de establecer contacto cos demais dentro dunha sensación común de pertenza.

Un capítulo moi salientable da área de educación, o programa Piteas, completou en 2017 o seu primeiro ano académico, ao tempo que emprendía o segundo. O programa articúlase arredor de tres eixes:  a formación do profesorado, a titorización continua e a integración do SEM (School Enrichment Model) nas aulas. Unha aposta en definitiva pola ruptura do illamento da aula cara a un modelo de rede máis acorde cos tempos actuais.

En fin, un ano máis en cuxa conta e razón, que está ante vós, nos gustaría que todos vos vexades dalgunha maneira reflectidos.



José María Arias Mosquera

Presidente da Fundación Barrié