Fundación Amigos do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía

Inicio / Patrimonio e Cultura / Conferencias / Fundación Amigos do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía

A OBRA DE ARTE TOTAL NA ARTE CONTEMPORÁNEA

Ciclo de conferencias en colaboración coa Fundación Amigos do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía

Por terceiro ano consecutivo a Fundación Barrié organiza este ciclo de conferencias en colaboración coa Fundación Amigos do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía co obxectivo de contextualizar e achegar diferentes aspectos da arte contemporánea á sociedade galega. Este ciclo trata o concepto da obra de arte total como a síntese integradora de todas as artes, pulsión que perdurou na Teoría da Arte, desde as súas primeiras formulacións no s. XIX ata os nosos días e a través de diversas disciplinas.

Dende Philip Otto Runge e Richard Wagner ata a actualidade o soño romántico alemán da “obra de arte total” como a síntese integradora de todas as artes dominou o imaxinario artístico da nosa época de maneira polimórfica, convertendo o mundo nun escenario de sucesos sen fin. Neste amplo espectro de estetización global da vida, que tamén recibiu a denominación de “sociedade do espectáculo”, non só as artes se fusionaron con sorprendentes efectos sinérxicos, senón que multiplicaron o seu potencial cos dispositivos tecnolóxicos dunha realidade virtual, que borra a fronteira entre o vivido e o soñado/imaxinado. Desta maneira pasouse dunha vida sen arte a unha arte sen vida; é dicir, a unha auténtica inversión ou reversión da relación entre realidade e arte.

Afrontar no formato dun curso este apaixonante e complexo asunto obrigounos a buscar os puntos de vista críticos máis diversos, posto que cómpren tanto historiadores, críticos, teóricos da arte ou profesores de estética como filósofos, sociólogos, antropólogos e, por suposto, artistas. Mais se cómpren tan diversas perspectivas, tamén fixo falta debullar unha casuística representativa de exemplos concretos dentro da arte contemporánea en calquera dos seus xéneros e técnicas. Neste senso, seleccionamos os mellores especialistas do noso país, que abordarán a cuestión da forma poliédrica que a idea da obra de arte total esixe, como así o acredita o programa do curso. Alén diso, explicando este modelo estético, facilitarase unha mellor comprensión xeral do devir da arte contemporánea.

Francisco Calvo Serraller
Director do Ciclo


PROGRAMA CICLO DE CONFERENCIAS
A obra de arte total na arte contemporánea

Auditorio Fundación Barrié
Cantón Grande, 9
15003 A Coruña
 
20.00 horas
 
Entrada libre. Aforo limitado
 

Xoves, 7 de marzo
Desde Picasso ata Kentridge: a fusión das artes nos escenarios
Marga Paz
Directora
Fundación Amigos do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía
 
Xoves, 14 de marzo
Os bisnetos de Wagner. Gesamtkunstwerk e vangarda en Alemaña entre 1968 e 1983
Jordi Ibáñez
Escritor e profesor de Estética, Teoría da Cultura e Filosofía.
Departamento de Humanidades da Universidade Pompeu Fabra de Barcelona
 
Xoves, 28 de marzo
Ópera esférica
Carlus Padrissa
Codirector de La Fura dels Baus
 
Xoves, 4 de abril
A terra, unha boa vivenda. A natureza como obra de arte total
Simón Marchán Fiz
Catedrático Emérito de Estética e Teoría das Artes.
Académico de Número da Real Academia de Belas Artes de San Fernando, Madrid


Conferenciantes


Marga Paz


Jordi Ibáñez


Carlus Padrissa


Simón Marchán Fiz

CONTIDOS RELACIONADOS