Inicio / Sala de prensa / Nota de prensa sinatura do convenio Cáritas

BUSCAR

FILTRAR

ÁREA
DATA

Memoria Anual 2017

Memoria corporativa e edicións anteriores

SUBSCRICIÓN AO NEWSLETTER

Reciba no seu correo toda a actualidade da Fundación Barrié

Subscribirse

CONTACTO DE PRENSA

Suzana Mihalic
Directora de Comunicación e Imaxe Corporativa


T. +34 981 060 091 / 659 459 030
smihalic@fbarrie.org


A Fundación Barrié e Cáritas renovan a súa colaboración para reducir o abandono e o fracaso escolar de menores de familias en situación vulnerable en Galicia

01-03-2016

  • Con este convenio acórdase a prórroga por segundo ano do “Programa de atención a menores e educación familiar”, que levan a cabo as Cáritas Diocesanas de Galicia baixo a coordinación de Cáritas Española, o que supón un investimento total de 300.000 euros no período 2015-2016.
  • Este programa, que se desenvolverá a nivel autonómico ata decembro de 2016 en colaboración coas cinco Cáritas galegas, ten como obxectivo reducir o fracaso e o abandono escolar de menores a través de accións de intervención dirixidas a familias vulnerables e/ou en situación de exclusión social.
  • As accións previstas inclúen apoio económico para acceder a recursos especializados e actividades extraescolares, compra de libros e de material escolar, así como programas de apoio escolar, fundamentalmente.
  • Grazas a este programa, en 2015 atendéronse 576 menores de 568 familias. Os máis dos recursos investidos neste período destináronse a axudas á escolarización, co pagamento de libros e material escolar, e a clases de apoio escolar. 

José María Arias Mosquera, Presidente da Fundación Barrié e Sebastián Mora Rosado, Secretario Xeneral de Cáritas Española
© Fundación Barrié

A Coruña, 1 de marzo de 2016.- A Fundación Barrié e Cáritas Española renovaron a súa colaboración no marco do Programa de atención a menores e educación familiar, o que supón un investimento total de 300.000 euros no período 2015-2016.
 
A renovación desta colaboración entre ambas entidades foi asinada esta mañá na Coruña polo Presidente da Fundación Barrié, José María Arias Mosquera, e o Secretario Xeral de Cáritas Española, Sebastián Mora Rosado
 
Este programa é levado a cabo polas cinco Cáritas Diocesanas de Galicia baixo a coordinación de Cáritas Española. Trátase dunha acción que está enfocada a familias en situación de vulnerabilidade ou pobreza con fillos en idade escolar, para facilitarlles os medios e apoios necesarios (económicos, formativos, sociais, psicolóxicos….) para que a escolarización dos seus fillos se realice en igualdade de condicións ao resto de alumnos ou, polo menos, nas mellores condicións posibles. Aínda que inicialmente se trataba dun programa de un ano de duración, a Fundación Barrié, ante a demanda de axuda detectada, decidiu prorrogalo.
 
Na súa intervención José María Arias, presidente da Fundación Barrié afirmou que “debemos seguir a traballar para asegurarnos que, a través deste programa, que xa permitiu atender as necesidades básicas de máis de 4.000 familias galegas, as circunstancias persoais e sociais dos menores non sexan un obstáculo para que desenvolvan todo o seu potencial educativo“.
 
Pola súa banda, Sebastián Mora, secretario xeral de Cáritas Española, declarou no acto de sinatura do convenio de renovación que “o compromiso da iniciativa privada, e de maneira especial o apoio da Fundación Barrié, supón para nós un estímulo engadido para avanzarmos na loita que realizamos desde a nosa Confederación Cáritas contra os efectos das condicións de desvantaxe e precariedade social nas familias máis vulnerables e, sobre todo, nos menores que contan con maiores dificultades de acceso a unha educación de calidade”. O secretario xeral de Cáritas Española estivo acompañado no acto polos directores das Cáritas Diocesanas de Santiago de Compostela, Tui-Vigo, Ourense, Lugo e Mondoñedo-Ferrol, entidades que asumirán a xestión do programa, a través de profesionais da súa rede en Galicia e voluntarios vencellados ao ámbito educativo.
 
O programa engloba diferentes accións de intervención, entre outras:
 

  • Un acompañamento personalizado –por parte de profesionais de Cáritas- a alumnos e familias para o diagnóstico e deseño de metas e obxectivos que se deban acadar en cada caso, que se complementará cun apoio educativo no que colaborarán de forma desinteresada os voluntarios vencellados ao ámbito escolar. Entre outras accións, desenvolveranse plans de acompañamento, visitas a domicilio e actividades de formación específica, como alfabetización e obradoiros de competencias básicas, economía doméstica ou reforzo da comunicación na familia.
  • Outra achega do programa será o apoio económico ás familias mediante axudas complementarias para a compra de libros e material escolar, e para que os seus fillos poidan acceder, en igualdade de condicións, a recursos especializados e actividades extraescolares.
  • O programa tamén prevé o acompañamento e apoio a familias, con escolas de pais-nais, asesoramento nos ámbitos educativo e de saúde, economía doméstica, etc.
 
BALANCE DO PROGRAMA. DATOS 2015

O Programa atende de maneira directa nenos e nenas menores de 18 anos e as súas familias. Concretamente, en 2015 a 576 menores de 568 familias. Trátase de familias cunhas características sociais e económicas comúns, determinadas pola precariedade laboral e a dificultade na integración sociocultural. O programa tratará de evitar que os menores abandonen o sistema educativo regrado obrigatorio e non poidan conseguir unha titulación e unha preparación que os capacite profesionalmente.
Os máis dos investimentos realizados neste período destináronse a axudas á escolarización, co pagamento de libros e material escolar, así como a actividades extraescolares e clases de apoio escolar. 

DESENVOLVEMENTO DO PROGRAMA A TRAVÉS DAS CINCO CÁRITAS DE GALICIA

O Programa de atención a menores e educación familiar para Familias está coordinado por Cáritas Española e executarase a través da rede das cinco Cáritas Diocesanas de Galicia (Santiago de Compostela, Tui-Vigo, Lugo, Mondoñedo-Ferrol e Ourense), que, ademais de levar a cabo os labores de recepción, acollida, valoración, propostas, concesión e seguimento das familias beneficiarias, achegarán os seus recursos humanos e infraestruturas para a xestión e concesión das axudas.

UNHA COLABORACIÓN QUE NACE EN 2009

A colaboración entre a Fundación Barrié e Cáritas iníciase no ano 2009 coa posta en marcha do Programa de Axudas de Emerxencia Social para Familias, desenvolvido polas cinco Cáritas Diocesanas de Galicia baixo a coordinación de Cáritas Española co obxectivo de impulsar a formación para o emprego e promover a concesión de axudas puntuais e directas a familias galegas vulnerables no actual contorno de crise económica.

Entre 2009 e 2014 a Fundación Barrié destinou un total de 1.800.000 euros a este programa, que permitiu atender as necesidades básicas de 4.182 familias galegas.

Desde 2015 a Fundación Barrié e Cáritas desenvolven este Programa de atención a menores e educación familiar.
A cantidade total achegada ás Cáritas galegas pola Fundación Barrié para ambos programas ascende a un total de 2.100.000 euros.
 
 

 
 

RECURSOS DISPONIBLES