Tecnópole e Fundación Barrié organizan "Espectáculos de ciencia" para 8.000 estudantes por toda Galicia durante os próximos catro meses
Ourense, 15 de febreiro de 2012. Cerca de 8.000 estudantes en total participarán nos "Espectáculos de ciencia" que Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole e Fundación Barrié organizarán por toda Galicia durante os próximos catro meses. O primeiro deles, titulado "Ciencia ou ficción", comezou hoxe en Ourense con dúas sesións e repetirase os vindeiros días en Lugo, Santiago, A Coruña e Pontevedra.
Ata o mes de maio celebraranse outros tres espectáculos diferentes que tamén viaxarán a Ferrol e Vigo, todos eles cofinanciados pola Consellería de Economía e Industria. Á apertura da actividade celebrada hoxe na Tecnópole asistiron o director xeral de I+D+i, Ricardo Capilla, e o director xeral da Fundación Barrié, Javier López, que lle deron a benvida aos participantes e asistiron á sesión.
A iniciativa, que supón o inicio do programa de actividades conmemorativas do 20 aniversario da Tecnópole, enmárcanse na liña de actuación de desestacionalización das actividades de divulgación científica contemplada no Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento (i2C) 2011-2015, que ten como obxectivo promover a celebración de actividades de divulgación á marxe da Semana da Ciencia.
No caso da Fundación Barrié, esta colaboración realízase no marco das actuacións de apoio á investigación, divulgación da ciencia e fomento de vocacións científicas entre a xuventude galega, que impulsa a Fundación a través de educaBarrié, a súa iniciativa para achegarse á comunidade educativa, activa en centros escolares das catro provincias desde o pasado mes de outubro (www.educabarrie.org).
Os "Espectáculos de ciencia" supoñen un reto importante para Tecnópole porque implican levar por primeira vez a súa actividade divulgativa a localidades de toda Galicia.As sesións están dirixidas a estudantes de Secundaria, Bacharelato e Ciclos Formativos, adaptándose en cada caso os contidos ao nivel académico dos asistentes. O obxectivo desta experiencia é levar a ciencia da maneira máis didáctica e amena aos máis novos. Ao longo dos 50 minutos que dura cada sesión, os asistentes participan en experiencias espectaculares que son o vehículo para introducir conceptos científico-tecnolóxicos. Isto serve para espertar nos rapaces e rapazas, que asisten acompañados polos seus profesores, a curiosidade e a inquietude que nun futuro os poden orientar cara a carreira científica ou cara a actitudes e aptitudes de emprendemento innovador.
Ciencia ou ficción
A actividade iniciada hoxe permitiulles a 300 rapaces e rapazas explorar os vínculos entre a ciencia e a ficcióna través do visionado de fragmentos de películas e a realización de experimentos cos que abordaron unha análise crítica do que vemos no cine.A través de secuencias de filmes como "Mars Attacks", "Tiburón" ou clásicos como "A Guerra das Galaxias" e "O sabueso dos Baskerville" os asistentes puideron concluir por eles mesmos que ocorre detrás e diante das cámaras para recrear o mundo de fantasía que mostra a pantalla.
Outros tantos estudantes vivirán esta experiencia mañá xoves en Lugo, o venres en Santiago de Compostela e, a semana que vén, o xoves na Coruña e o venres en Pontevedra.
Ao longo dos meses de marzo, abril e maio levaranse a cabo outros tres espectáculos sobre electricidade, enerxías e química, cada un deles en cinco localidades galegas diferentes. Todas as actividades acompáñanse do envío de guias didácticas aos profesores para que lle saquen o maior proveito posible na clase, afondando nos coñecementos adquiridos durante as sesións.
20 aniversario
Os "Espectáculos de ciencia" son unha actividade organizada e executada polo Parque Tecnolóxico de Galicia con base na súa dilatada experiencia en iniciativas de divulgación da ciencia e da tecnoloxía. Ademais de abrir as súas portas de xeito continuado a grupos escolares, dende hai seis anos organiza a feira científica máis importante de Galicia: a "Galiciencia", que foi medrando en prestixio ata converterse na súa última edición en actividade de referencia da Semana da Ciencia en España.
Esta é a primeira dunha serie de actividades deseñadas especialmente para conmemorar o 20 aniversario do Parque Tecnolóxico de Galicia, que se estenderán ao longo de todo o ano. Á marxe de diversas iniciativas dirixidas específicamente ao tecido empresarial e a todo o Sistema Galego de Innovación, esta programación inclúe un congreso de mentes innovadoras que coincidirá co mes no que se cumpren exactamente os vinte anos de actividade (outubro).