MAPA DEL SITIO   |    CONTACTO ESP | GAL | ENG | 
  Sala de Prensa > Noticias > Asinado o protocolo de colaboración coa Consellería de Educación para o Programa de Competencias para Xoves Investigadores

Asinado o protocolo de colaboración coa Consellería de Educación para o Programa de Competencias para Xoves Investigadores

A Fundación Barrié e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria asinan un protocolo de colaboración para implementar o programa gradschool de formacion de talento nas universidades galegas

Santiago de Compostela, 27 de xullo de 2012.-O presidente da Fundación Barrié, José María Arias Mosquera, e o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asinaron hoxe 27 de xullo un protocolo de colaboración para a implementación do programa de competencias para investigadores Gradschool nas universidades galegas.

En virtude deste documento, 42 investigadores galegos participarán neste Programa de formación competencial, sen dúbida o de maior traxectoria e que constitúe, neste momento, o programa de referencia para a formación e o desenvolvemento dos investigadores noveles no Reino Unido. A finalidade é desenvolver e potenciar as habilidades do traballo en equipo, as competencias comunicativas e a toma de decisións. Trátase da  creación dun proceso de acreditación e dunha rede de titores que poidan asumir a corto prazo esta función formativa en Galicia a través dos centros de referencia universitarios.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, confirmou hoxe o compromiso para a promoción da materialización das iniciativas para regular a implantación do programa en Galicia, e a Fundación Barrié será a responsable de promover o desenvolvemento das accións precisas para a impartición dos cursos GRADschools de formación de competencias para investigadores. O programa Competencias para investigadores Gradschool está a ser desenvolvido pola Fundación Barrié, en colaboración coa empresa pública británica CRAC-VITE para mellorar as competencias profesionais dos investigadores en Galicia. O obxectivo do protocolo asinado hoxe é o de implementar este programa de referencia europea na formación de talento, para maximizar o valor da investigación e innovación.

Programa de Competencias para Xoves Investigadores

Este programa supón un salto cualitativo e unha aposta decidida por achegar aos investigadores galegos e os resultados da súa investigación á sociedade, en xeral, e ao tecido produtivo, en particular.

O Informe 1 sobre a Ciencia en Galicia, recentemente editado pola Fundación Barrié, indica que no 2000-2010 a porcentaxe de investigadores nas empresas e entidades privadas de investigación non superaba en Galicia o 20 % do total de investigadores, fronte ao 32% en España e ao 47% na Unión Europea. Este feito ten varias explicacións, como o baixo investimento en I+D das empresas galegas en comparación aos estándares nacionais e europeos, pero tamén na inadecuación, en moitos casos, dos perfís competenciais dos investigadores para adaptarse aos contornos de traballo do mundo da empresa. Por outra parte, os estudos máis completos sobre desenvolvemento profesional indican que a capacidade de traballo en equipo, de comunicar, captar recursos, liderar proxectos, de ter visión de negocio, convértese nun factor determinante na carreira profesional dun investigador, quer no ámbito académico, quer no ámbito empresarial, polo cal a profundización na mellora destas capacidadese e competencias conferiralles unha maior empregabilidade. Non se trata tanto de levar investigadores da academia á empresa, senón de lles dotar de maiores habilidades para desenvolverse indistintamente nos dous ámbitos e que o tránsito dun ao outro sexa doado, así como o entendemento mutuo para desenvolveren proxectos conxuntos de I+D.

Para a Fundación Barrié, este novo programa nace no marco dunha alianza coa Consellería, o que constitúe unha colaboración esencial para a consolidación no tempo desta iniciativa, e enmárcase nunha estratexia máis ampla de estímulo ao desenvolvemento económico de Galicia mediante o apoio á investigación e a súa transferencia ao mercado, así como na súa liña de apoio á Educación e a capacitación da empregabilidade global do talento galego. A Fundación Barrié traballa na mellora das capacidades dos xoves investigadores galegos, a través do seu programa de becas de posgrao no estranxeiro, que este ano chega a súa 23 edición, e de iniciativas como este programa de Competencias para Xoves Investigadores presentado hoxe.

Etiquetas: competencias profesionales | Educación | Investigación | talento | Universidad