MAPA DEL SITIO   |    CONTACTO ESP | GAL | ENG | 
  Sala de Prensa > Noticias > V Concurso Galego de Robótica, esta semana na Fundación Barrié na Coruña

V Concurso Galego de Robótica, esta semana na Fundación Barrié na Coruña

A Institución Galega da Ciencia  (IGACIENCIA), en colaboración coa Fundación Barrié, organiza na Coruña esta semana, do luns 25 de febreiro ao venres 1 de marzo, o V Concurso Galego de Robótica A Maxia da Robótica, no cal participarán preto de 1.000 alumnos e 58 profesores de 29 centros educativos de toda Galicia e que terá lugar na sede da Fundación Barrié (Cantón Grande, 9). A actividade está dirixida a educación secundaria e terceiro ciclo de educación primaria.

A Institución Galega da Ciencia  (IGACIENCIA) vén promovendo e organizando esta actividade que se desenvolveu, en anos anteriores, coa colaboración dos Concellos respectivos, nas cidades de Lugo,Santiago, Burela e Lugo, de novo. Este ano celébrase na sede da Fundación Barrié na Coruña, no marco de educaBarrié, a iniciativa da Fundación Barrié que aglutina toda a oferta educativa para a comunidade educativa galega, e máis especialmente no eido da súa actividade de divulgación da ciencia.

O obxectivo do obradoiro A maxia da robótica é achegar á xente nova e á cidadanía en xeral aomundo da robótica facéndoo comprensible e resaltando a súa importancia e as implicacións no seu propio futuro. Para iso bríndase a oportunidade de participar en grupo na montaxe e programación dun robot móbil cun kit de LEGO. Dun xeito sinxelo e divertido o alumnado participante familiarizarase tanto cos robots como coa linguaxe da robótica. Para este obradoiro non é necesario ter coñecementos en programación electrónica, pois a electrónica está integrada nun ladrillo intelixente e a programación realízase nun contorno visual sinxelo para que ata os máis pequenos poidan construír e deseñar os seus robots dando paso, despois da montaxe, á parte de programación.

Ao tempo que se pretende que sintan a paixón pola aprendizaxe, os rapaces e rapazas participantes intégranse nun grupo no cal deben compartir obxectivos e realizar un traballo colaborativo para poder resolver os desafíos que se lles propón ao longo da experiencia. Ao remate do obradoiro, de dúas horas de duración, cada grupo terá acadado un número de puntos que lle permitirán optar aos premios do V Concurso Galego de Robótica 2013.

IGACIENCIA é unha asociación entregada á difusión e promoción da Ciencia, sobre todo a nivel de primaria e secundaria. Entre as actividades que promove figuran os Obradoiros Concurso Galego de Robótica, o congreso de Software Libre Científico, os Rallys de matemáticas e Ciencias a nivel internacional, exposicións propias de Arte e Ciencia e a publicación periódica da súa revista Labirinto.

DATAS E HORARIO DA ACTIVIDADE :

Obradoiros: do día 25 de febreiro ao 1 de marzo de 2013, de 9 h a 15 horas e de 16 a 18 horas. Entrega de premios. Venres 1 de marzo de 2013, ás 18 h, para os equipos gañadores.