MAPA DEL SITIO   |    CONTACTO ESP | GAL | ENG | 
  Servicios > Publicaciones > Presentaciones > O romance da urca de Santo Antón

O romance da urca de Santo Antón

O volume titulado O romance da urca de Santo Antón. Poesía en galego no Ferrol do século XVIII, obra de Ramón Mariño, Margarita Sánchez e Damián Suárez, contén a edición crítica e mais o estudo histórico-lingüístico dun romance bilingüe galego-castelán de 668 versos que se contén no Códice 1052 do Archivo Histórico Nacional de Madrid.

É un poema anónimo de ambientación ferrolá, maioritariamente en galego e ata o de agora inédito, cuxa composición pode datarse con seguranza no ano 1777. É precisamente a recuada datación da peza o que a converte nunha composición de especial interese para a historia da lingua e a literatura galegas, pois, como é ben sabido, son francamente escasos os textos, literarios ou non, que se escribiron en lingua galega ao longo dos séculos XVI, XVII e XVIII e que chegaron ata nós.

A obra contén interesantes referencias que axudan a compoñer o retrato da sociedade ferrolá da segunda metade do XVIII, dunha cidade que daquela estaba a experimentar un espectacular crecemento e que, asemade, comezaba a vivir a intensificación dun proceso de substitución lingüística que neste romance aínda se amosa en estado incipiente. Cómpre indicar ademais que o tema de fondo do poema —as viaxes marítimas de tipo comercial entre Galicia e América na Idade Moderna— resulta novidoso na nosa historia literaria. Faise evidente, por tanto, a conveniencia da divulgación desta obra, de interese para o público especializado pero tamén para a poboación galega en xeral.

Exvoto de 1773 en que a urca Santo Anton é auxiliada pola Virxe do Carme nunha tempestade. Museo Naval de Ferrol. Foto: Kiko Delgado

 

O libro contén os seguintes materiais:

  1. Unha edición crítica do texto precedida da descrición detallada do manuscrito que nolo transmitiu e das circunstancias en que a peza se elaborou (autoría, datación, intención, transmisión e conservación textuais, etc.).
  2. Un estudo histórico detallado que contextualiza o romance e aclara as circunstancias históricas e sociais en que xurdiu e que nel se reflicten.
  3. Un estudo sociolingüístico que insire o romance no contexto do moderno proceso castelanizador da cidade de Ferrol e, así mesmo, no marco do cultivo literario do idioma galego durante os Séculos Escuros. Ademais, un estudo lingüístico completo da peza que atende ás súas características gráficas, fonéticas, morfosintácticas e léxicas máis salientables.
  4. A reprodución fotográfica completa do manuscrito.
  5. Algunhas imaxes de lugares e obxectos referidos no poema ou no seu estudo histórico.