Inicio / Sala de prensa / Exposición temporal e conferencia: A Fundación Barrié presenta mañá unha obra convidada do Museo Nacional do Prado “Cupido” (Parmigianino)

BUSCAR

FILTRAR

ÁREA
DATA

Memoria Anual 2017

Memoria corporativa e edicións anteriores

SUBSCRICIÓN AO NEWSLETTER

Reciba no seu correo toda a actualidade da Fundación Barrié

Subscribirse

CONTACTO DE PRENSA

Suzana Mihalic
Directora de Comunicación e Imaxe Corporativa


T. +34 981 060 091 / 659 459 030
smihalic@fbarrie.org


Así mesmo, mañá terá lugar a próxima conferencia do ciclo “A era dos xenios. De Miguel Ángel a Arcimboldo”, a cargo de Cristóbal Belda, catedrático Emérito de Historia da Arte da Universidade de Murcia

15-11-2017

  • A obra convidada do Museo Nacional do Prado é “CUPIDO” (Parmigianino. Girolamo Francesco Maria Mazzola) e móstrase co gallo do ciclo de conferencias “A era dos xenios. De Miguel Ángel a Arcimboldo”, organizado pola Fundación Barrié en colaboración coa Fundación Amigos do Museo do Prado.
  • Esta obra, que formou parte das coleccións reais españolas, desde as que pasou ao Museo do Prado, é unha copia de época dunha das pinturas máis relevantes de Girolamo Francesco Maria Mazzola (Parma, 1503 - Casalmaggiore, 1540) máis coñecido como Parmigianino, figura fundamental no desenvolvemento do manierismo.
  • A obra poderá verse na sede da Fundación Barrié desde mañá, 16 de novembro ata o 21 de decembro de 2017 no horario de 18h – 21h de martes a sábado.
  • A conferencia a cargo de Cristóbal Belda, catedrático Emérito de Historia da Arte da Universidade de Murcia terá lugar mañá ás 20 horas baixo o título “Benvenuto Cellini, libero di lingua a la par che di mano”.
  • Ao longo do século XVI sucedéronse importantes acontecementos que cambiaron o destino histórico de Europa e da arte. Por unha banda, a iconoclastia protestante revolucionou os xéneros artísticos, mentres que a Igrexa católica adoptou formulacións máis dramáticas e naturalistas. Neses intres, desenvolveuse unha concepción sofisticada e subxectiva da arte coñecida como manierismo, que virou o canon clásico e potenciou a individualidade do artista. Neste curso estudaranse os xenios que marcaron este apaixonante período.
  • Ambas as actividades son de entrada libre, aforo limitado.

Detalle CUPIDO Parmigianino (copia)
© Arquivo Fotográfico. Museo Nacional del Prado. Madrid

A Coruña, 15 de novembro de 2017.- Co gallo do ciclo de conferencias “A era dos xenios. De Miguel Ángel a Arcimboldo” a Fundación Barrié presenta unha obra emblemática da colección permanente do Museo do Prado, elixida para tal fin, polo profesor Francisco Calvo Serraller, director do ciclo. A obra “Cupido” Parmigianino. Girolamo Francesco Maria  Mazzola (Copia), poderase ver na sede da Fundación desde mañá e ata o 21 de decembro de 18h a 21h de martes a sábado.
 
A apertura ao público desta exposición temporal coincide coa próxima conferencia a cargo de Cristóbal Belda, catedrático emérito de Historia da Arte, Universidade de Murcia. A conferencia terá lugar mañá ás 20 horas baixo o título: “Benvenuto Cellini, libero de lingua a la par che di mano”.
 
Obra convidada do Museo Nacional do Prado
Parmigianino. Girolamo Francesco Maria Mazzola (Copia)
Cupido
Finais do século XVI
Técnica: Óleo sobre lenzo, 148 cm x 65 cm
© Arquivo Fotográfico. Museo Nacional do Prado. Madrid
 
Esta obra, que formou parte das coleccións reais españolas, desde as que pasou ao Museo do Prado, é unha copia de época dunha das pinturas máis relevantes de Girolamo Francesco Maria Mazzola (Parma, 1503 - Casalmaggiore, 1540) máis coñecido como Parmigianino, alcume que tomou da súa cidade natal. Parmigianino naceu no seo dunha familia de artistas e foi un pintor excepcionalmente precoz, que destacou tamén no debuxo e o gravado, sendo un dos máis prodixiosos e fecundos debuxantes de todo o Renacemento. Da impresión que causou este mozo artista, figura fundamental no desenvolvemento do manierismo, dá conta o que sobre el escribiu Vasari nas súas famosas Vidas: «Incontables persoas dicían publicamente en Roma que o espírito de Rafael pasara ao corpo de Francesco, ao velo singular na arte e tan agradable nas maneiras».

Parmigianino pintou o cadro no que se basea esta obra en 1534 para o seu amigo e mecenas Francesco Baiardo. A pintura foi herdada por Marcantonio Cavalca para despois pasar ás mans de Antonio Pérez, secretario de estado de Felipe II, quen o trasladou a España. Seguramente sería nese intre cando se realizou esta copia, que posúe as mesmas dimensións do orixinal e que se mantén fiel á súa composición e técnica. O orixinal foi finalmente enviado ao emperador Rodolfo II en 1605 e consérvase no Kunsthistorisches Museum de Viena co título de Cupido tallando o seu arco. A obra gozou dunha enorme popularidade e exerceu unha profunda e duradeira influencia, do que é proba que ao longo dos anos se realizasen máis de cincuenta copias, incluída unha da man do mesmiño Pedro Pablo Rubens realizada en 1614 e que se conserva na Alte Pinakothek de Múnic. A que aquí exponse é unha das máis temperás e coidadosas e nela maniféstase o extraordinario alongamento da figura humana que caracterizan o estilo final de Parmigianino cuxo máis claro expoñente é a súa famosa A Virxe do pescozo longo da colección da Galleria degli Uffizi de Florencia. Cupido aparece representado, non coma un neno senón coma un adolescente, o que achega un maior carácter erótico á composición, e acompañado por dous amoriños, un dos cales sorrí e aperta seu compañeiro de quen intenta lograr que toque a Cupido. O outro, porén, chora e, segundo escribe Vasari, “para non ser queimado polo lume do amor, négase obstinadamente”. Cupido olla de maneira sedutora o espectador mentres traballa no seu arco que apoia irrespectuosamente sobre dous libros, simbolizando o triunfo do amor e o desexo sobre a razón e o coñecemento. Esta complexa iconografía e a súa forma de representala converten este cadro nun exemplo extraordinario do enxeño e a sofisticación da obra final do artista.

CONFERENCIA A CARGO DE CRISTÓBAL BELDA, catedrático emérito de Historia da Arte, Universidade de Murcia

Cristóbal Belda é catedrático de Historia da Arte na Universidade de Murcia e director da Real Academia de Belas Artes Santa María da Arrixaca. Anteriormente desempeña outros cargos como director do Departamento de Historia da Arte da mencionada universidade e director do Museo Salzillo. É académico numerario na Real Academia Alfonso X o Sabio e académico correspondente na Real Academia de Belas Artes de San Fernando. É comisario de diversas exposicións, sendo unha das máis recoñecidas Pegadas. Catedral de Murcia no ano 2002. Escribe numerosas publicacións en libros e revistas. Entre as súas últimas obras cabe salientar Escultura y teoría de las artes, 2015.

Resumo relatorio:
Grandes atractivos ofrece á historia da arte Benvenuto Cellini (1500-1571), escultor e tratadista. Obxecto de múltiples olladas, a obra de Cellini non só foi eloxiada polas súas calidades técnicas senón porque era consecuencia das innovacións introducidas no traballo dos metais preciosos descritas no seu tratado de ourivaría, escultura, debuxo e arquitectura.
Autor do Perseo da Galería dei Lanzi de Florencia, do saleiro de Francisco I en Viena ou o crucificado de El Escorial, non pode desligarse o coñecemento da súa escultura da paixón con que vivía.
Autor da súa autobiografía, soberbio e extravagante, “lixeiro de lingua e de man”, foi artista pouco convencional tanto como amosou nas súas respostas a Varchi ou como o entenderon Stendhal, Berlioz ou Dalí, capaces de comprenderen o xenio indómito que reflectían a súa vida e mais as súas obras.