A Fundación Barrié traballa desde as dúas cidades máis poboadas de Galicia, articulando a súa actividade desde o eixo norte e sur e amplificándoa ao resto da comunidade. Ambas as dúas sedes son escenario dunha programación continuada, con conferencias, seminarios, exposicións e concertos, así como cunha actividade didáctica cotiá para centros escolares e público xeral.
A sede da Coruña abriu as súas portas en 1995 no corazón da cidade, onde dispón de 8.000 metros cadrados distribuídos en espazos flexibles para reunións e conferencias, un auditorio con capacidade para 369 persoas e 1.000 metros cadrados de salas de exposición.
Referente da vida cultural e social da cidade da Coruña, a Fundación ocupa un edificio de liñas clásicas e a carón do Banco Pastor, no Cantón Grande da cidade, punto de encontro tradicional para coruñeses e visitantes.
A inauguración da sede de Vigo, en outubro de 2005, permitiu á Fundación dar un salto adiante de grande impacto cualitativo. As numerosas actividades desenvolvidas nela permitiron enriquecer substancialmente o programa da Fundación grazas a un edificio emblemático e a un equipamento único e, sobre todo, achegou ao sur de Galicia os seus servizos.
En 2007, a sede de Vigo foi galardoada con dous prestixiosos premios: o Premio FAD de Arquitectura e Interiorismo, na categoría de interiorismo, e o premio Saloni na categoría de Arquitectura Interior. Ambos os dous premios recoñecían a obra de rehabilitación da sede, que está situada detrás da fachada dun edificio do arquitecto vigués Manuel Gómez Román de 1919, rehabilitación asinada polos arquitectos Emilio Tuñón e Luis Mansilla, cuxo proxecto deu unha resposta contemporánea, equilibrada e precisa ás necesidades da Fundación. A rehabilitación traduciuse en case 3.000 metros cadrados flexibles e versátiles, distribuídos en cinco andares. No andar de acceso encóntrase o auditorio ou "caixa dos milagres", un espazo extremadamente alto, flexible e cambiante, capaz de ser transformado, mediante a incorporación dunha avanzada tecnoloxía escénica teatral, de tal maneira que modificando o solo, escamoteando paneis ou facendo descender obxectos e panos de fondo, pode chegar a utilizarse para presentacións, exposicións, concertos, etc. Ademais, a sede conta con dous andares polivalentes destinados a exposicións temporais e, no último andar, un salón de actos dotado cun mecanismo escenográfico que permite escamotear os asentos, deixando o espazo diáfano para ser utilizado como sala de exposicións complementaria, ou obradoiro polivalente.