BUSCAR

FILTRAR

ÁREA
DATA

Memoria Anual 2022

Memoria corporativa e edicións anteriores

SUBSCRICIÓN AO NEWSLETTER

Reciba no seu correo toda a actualidade da Fundación Barrié

Subscribirse

CONTACTO DE PRENSA

Suzana Mihalic
Directora de Comunicación e Imaxe Corporativa


T. +34 981 060 091 / 659 459 030
smihalic@fbarrie.org


A Fundación Barrié acolle este evento co gallo do seu 50 aniversario.

23-11-2016

José María Arias, presidente da Fundación Barrié, nun momento do acto
© Fundación Barrié

A posta en valor do papel das Fundacións nun mundo en mudanza centrou os discursos inaugurais da VI Conferencia Xeral da Asociación Española de Fundacións (AEF), que se está a celebrar hoxe, mércores, na sede da Fundación Barrié, no marco dos actos conmemorativos do 50 aniversario da entidade galega.
 
O Presidente da Fundación Barrié, José María Arias Mosquera, e o Presidente da Asociación Española de Fundacións (AEF), Javier Nadal, inauguraron a Conferencia en sendas intervencións nas que salientaron a importancia que as Fundacións teñen no marco dun mundo en pleno troco de paradigma social e político.
 
Nesta liña, José María Arias Mosquera apuntou que igual cás abellas teñen a dobre función de produciren cera e mel e polinizaren as flores para crear froito e ser así decisivas na preservación da vida, as fundacións teñen tamén “unha dobre vertente, tanto no seu traballo cotiá coma no seu labor máis profundo, a medio e longo prazo, que permite que determinados elementos que xa están aí se ordenen debidamente para frutificaren, así como na medida das nosas posibilidades fomentarmos a aparición de novos elementos”.
Deste xeito, as Fundacións “non pretenden suplir o labor de empresas, do Estado ou dos individuos, senón osixenar a sociedade e dotala de novos puntos de vista”. Para iso, o Presidente da Fundación Barrié apuntou tres denominadores comúns básicos a este tipo de asociacións: a acción conxunta que garanta o recoñecemento lexislativo do dereito de fundar; a necesidade de profesionalización, de que as accións das Fundacións se perciban coma un investimento que espera resultados, e a transparencia para render contas á sociedade á que serven.
Neste senso, lembrou que a Fundación Barrié figura nos primeiros postos dos ránkings de transparencia como mostra de compromiso con este principio que “lonxe de limitarnos, nos protexe”.
 
Arias Mosquera mencionou o labor da Fundación Barrié co cometido de “mellorar as condicións de vida e de futuro dos galegos e tamén do resto dos españois”, e recordou a figura do seu fundador, Pedro Barrié de la Maza, a quen “o que lle interesaba é que os galegos estivesen máis preparados para afrontar o seu futuro”, de aí que a educación sexa un campo prioritario de actuación para esta entidade.
Tamén fixo lembranza de Carmela Arias, quen recolleu á perfección o espírito de Pedro Barrié ao instar sempre á Fundación Barrié a ter “unha visión de futuro”. “As Fundacións teñen que ir sempre un paso por diante da sociedade á que serven”, abundou.
O presidente da Fundación Barrié reflexionou sobre a sociedade actual, inmersa nun proceso de recomposición ideolóxica, social e política, no que “as Fundacións teñen un papel fundamental na construción da sociedade desde o campo que cada unha elixa para seguir a facer camiño”.
“O mundo será máis humano mentres as Fundacións sigan a facer o seu labor”, concluíu.
 
Pola súa banda, o Presidente da AEF, Javier Nadal, subscribiu as palabras de Arias Mosquera e engadiu que “alá onde haxa unha necesidade, hai unha Fundación”. Despois de felicitar á Fundación Barrié polo seu 50 aniversario e de pór en valor o seu papel na consolidación do movemento fundacional, Javier Nadal salientou a importancia dun sector que se converteu nun axente de desenvolvemento social e económico de primeiro nivel ao canalizar unha parte cada vez máis significativa das iniciativas privadas orientadas ao cumprimento de fins de interese xeral, con 8.500 fundacións activas e máis de 200.000 traballadores.
 
Tamén se referiu aos obxectivos desta VI Conferencia Xeral da AEF, centrados en “reflexionar sobre un mundo en mudanza e compartir e coñecernos mellor dentro do movemento fundacional”. Así, apuntou que a primeira parte da conferencia tratará sobre “o mundo que nos espera”, reflexionando sobre os retos da globalización, a revolución tecnolóxica, o cambio climático “que non sabemos a onde nos levará, pero no que o labor de laboratorios sociais que exercen as Fundacións debe ser importante”. Así mesmo indicou que a segunda parte da Conferencia será sobre “o mundo que non espera”, en alusión aos retos presentes que “están xa no noso arredor”.
Por último, aludiu á primeira edición dos premios AEF, destinados por unha parte a pór en valor a filantropía e mellorar a percepción que a sociedade ten dela, e tamén para pór de relevo a importancia da cooperación e da innovación no mundo fundacional.

RECURSOS DISPONIBLES

Imaxes