Inicio / Blog / Encontro de Científicos Españois en EEUU

Blog


BUSCAR

FILTRAR

ÁREA
DATA

Encontro de Científicos Españois en EEUU

13/01/2016

En setembro de 2015 tiven a grande honra de asistir como relator convidado ao “Encontro de Científicos Españois en EEUU” que tivo lugar na Universidade de Georgetown. Dito encontro foi organizado, entre outros, pola organización de Españois Científicos en USA (ECUSA) e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) co obxectivo de dar a coñecer o grandísimo traballo que a comunidade científica española en EEUU está a realizar en todos os eidos tan diversos como a biomedicina, a física, ciencias da Terra, economía, etc.
No devandito encontro, que foi inaugurado por SSMM os Reis de España, e que contou coa participación de personalidades de gran relevancia dentro do mundo científico español e mundial como a Sra. Carmen Vela, Secretaria de Estado de I+D+i, o Sr. José Ignacio Fernández,director xeral da FECYT, o Dr. Valentín Fuster, director xeral do Centro Nacional de Investigacións Cardiovasculares e da división de Cardioloxía do hospital Monte Sinaí en Nova York, o Dr. Emilio Méndez, premio Príncipe de Asturias de Ciencia e Tecnoloxía 1998 e o Dr. Josep Baselga, director do Memorial Sloan Kettering Cancer Center de Nova York entre outros, quedou constancia da boa saúde e da gran calidade da ciencia feita por españois, que, por desgraza non se corresponde coa situación da ciencia en España. É de dominio público a gran caída das achegas das administracións públicas á ciencia. Para non aburrir o lector con datos só achegarei tres exemplos. O Ministerio de Educación non convoca axudas para mobilidade postdoutoral desde 2011, o CSIC agoniza cun orzamento a niveis de 2007, o gasto destinado a I+D+i é do 1.24% do PIB (en 2010 foi do 1.4%) mentres que a media europea é do 2.06%, etc. Digámolo claro, España non adica os recursos que cómpren para desenvolver o seu enorme potencial científico, ten outras áreas de atención, fala de gasto en ciencia cando non o é, é un investimento de futuro. Loables iniciativas como as das fundacións Barrié, Martín Escudero e outras non abondan para compensaren o deixamento de funcións por parte das autoridades. En épocas de crises os países máis desenvolvidos tomaron o camiño oposto, aplicando como receita para saíren da crise máis e máis investimento en ciencia. Un país sen ciencia é un país pobre, poderá ter épocas de bonanza económica baseadas en feitos ficticios, como as burbullas inmobiliarias, pero nunca desfrutarán dun desenvolvemento sostible e prolongado.
Por iso mestúranse en min sentimentos contraditorios logo do devandito encontro. Por unha banda sento unha grande alegría por ver as grandes achegas que os españois estamos a facer a ese ben universal do que se beneficia toda a humanidade chamado Ciencia, mais tamén sento unha gran tristura ao imaxinar como sería España se todos os científicos emigrados puidésemos contribuír ao seu desenvolvemento, xerando riqueza e coñecemento.

É por iso que afirmo que chegou a hora de que a sociedade esixa aos seus dirixentes que cambien o seu modelo económico, pero non podemos deixalo todo nas súas mans, os científicos tamén somos parte do problema xa que en ocasións non somos quen de facermos chegar ao resto do país a importancia e as implicacións do noso traballo, temos que divulgar máis, facer a ciencia asequible ao gran público, e é aí onde xustamente ECUSA ten moito que achegar, favorecendo os vencellos entre científicos españois e proporcionándolles á súa vez un altafalante de difusión dos seus logros.

Asumamos todos, sociedade, políticos, empresarios e científicos a nosa responsabilidade e coloquemos o noso país no lugar en que potencialmente lle corresponde.

Carlos Sierra Sánchez. Bolseiro Fundación Barrié (convocatoria 2012)

Sobre o autor:

O Dr. Carlos Sierra é licenciado en Ciencias Físicas (especialidade de optoelectrónica) pola Universidade de Santiago de Compostela e en Ciencias do Mar (especialidade en oceanografía física) pola Universidade de Vigo. En 2010 obtivo o seu título de Doutor (coa mención de Doutoramento Europeo) en Enxeñería Industrial pola Universidade Politécnica de Madrid coa cualificación de Sobresaínte cum laude outorgada por unanimidade.
En 2013 uniuse a Columbia University en Nova York para levar a cabo a súa investigación postdoutoral no Departamento de Enxeñería Biomédica, grazas a unha bolsa outorgada pola Fundación Martín Escudero, departamento no que continúa grazas a unha bolsa de postgrao da Fundación Barrié. A súa investigación está baseada na aplicación de ultrasóns focalizados como unha ferramenta para mellorar o tratamento de enfermidades neurodexenerativas.
Ademais do seu labor investigador o Dr. Sierra é membro activo da asociación de científicos españois en USA (ECUSA) en onde participa como membro da xunta directiva do capítulo de Nova York e coordina e dirixe, en colaboración co Consulado Xeral de España en Nova York, o programa de ECUSA nas Escolas na área de Nova York, cuxo obxectivo primordial é achegar a ciencia en español aos estudantes estadounidenses.


ETIQUETADO EN: