Ciclo de conferencias "Mentres sucede. Derivas do presente. Arte e cultura do novo século (I)"

Inicio / Patrimonio e Cultura / Conferencias / Ciclo de conferencias "Mentres sucede. Derivas do presente. Arte e cultura do novo século (I)"

Ciclo de conferencias "Mentres sucede. Derivas do presente. Arte e cultura do novo século (I)"

De maio a xuño de 2015, sede A Coruña e Centro Galego de Arte Contemporánea de Santiago de Compostela

Ciclo de conferencias organizadas pola Fundación Barrié, en colaboración co Centro Galego de Arte Contemporánea, baixo o título “Mentres sucede. Derivas do presente. Arte e cultura no novo século (I)”, coordinado por María Luisa Sobrino Manzanares, vogal do Padroado do Centro Galego de Arte Contemporánea.

As primeiras conferencias, a cargo do catedrático de Filosofía da Universidade de Murcia, Francisco Jarauta, teñen lugar no Centro Galego de Arte Contemporánea e na sede da Fundación Barrié na Coruña.

Baixo o título A situación das Artes, Jarauta comeza un ciclo que pretende dar respostas sobre os lugares e as ideas da creación. “Mentres sucede. Derivas do presente. Arte e cultura no novo século (I)” xira sobre as distintas visións do mundo artístico contemporáneo: Cales son as novas etiquetas do presente? Como resiste a crítica? Por que seguimos a desexar marcar novas tendencias? Cales son os novos desafíos do museo e das galerías? Como  se ve e se escribe fronte e desde o presente?
 
Trátase de recoñecer as derivas e marcar os procesos, introducirse na transformada actualidade e percorrer as paisaxes cambiantes e diversas que veñen a sucederse na arte do presente. Desde estas e moitas outras preguntas, este ciclo de conferencias, pretende ofrecer un retrato da complexidade da creación actual, e recoller as súas respostas desde a voz de protagonistas e axentes de diferentes ámbitos, desde a historia e a teoría da arte, a arquitectura ou a experiencia artística. Unha oportunidade para xerar unha sorte de mapa de teorías, experiencias, prácticas, lugares e críticas da arte presente.
 
As conferencias celébranse nos meses de maio e xuño de 2015, nas sedes da Fundación Barrié (A Coruña) e o CGAC (Santiago de Compostela). As novas olladas da historia da arte e das ideas reciben a primeira das intervencións co filósofo Francisco Jarauta, séguelle o territorio crítico dos traballos de Andrés Jaque, o encontro coa experiencia desde o mundo da galería con Juana de Aizpuru e a reflexión desde e fronte ao sistema artístico con Sarah Thornton. Todo, entre moitos outros temas e debates tanxenciais, é presentado en formatos diferentes, quer mediante conferencia maxistral, quer coa colaboración doutros axentes en conversacións ou diálogos. En todos os casos búscase un debate co público asistente e a relación e feedback coas redes sociais.

CONTIDOS RELACIONADOS