Inicio / Blog / Colección de Pintura Contemporánea Internacional da Fundación Barrié

Blog


BUSCAR

FILTRAR

ÁREA
DATA

Colección de Pintura Contemporánea Internacional da Fundación Barrié

04/04/2016

Co pasar dos anos, continúa vixente a tendencia que temos de ver o mundo en termos pictóricos. Tanto é así, que se podería afirmar que da pintura unicamente sobrevive invariable o propio termo 'pintura', que se estira e acolle novas circunstancias e continxencias. De xeito que, como toda colección de algo vivo, esta colección dedicada a abesourar as posibilidades da pintura estea sempre en construción e se renove a partir de novas obras, autores ou tendencias.

Algunhas obras da Colección de Pintura Contemporánea Internacional da Fundación Barrié amosan a complexa relación entre o espazo ilusionista da pintura e a presenza física da escultura, situándose na intersección da pintura, a escultura, a instalación e a arquitectura. É o caso de Hollow Places Court in Ash-Tree Wood de Jessica Stockholder, paradigma do que se denominou pintura expandida. Unha pintura que permite seguir a falar de composición, espazo, cor ou ritmo e remítenos á tradición da pintura. Noutros casos, como o de Miquel Mont, Fabian Marcaccio ou Katharina Grosse, o espazo arquitectónico é agora a superficie para pintar. Con máis contención, artistas como Adrian Schiess, Ángela de la Cruz, Daniel Verbis, Pedro Barbeiro ou Jorge Perianes burlan o marco tradicional, mentres outros como Imi Knoebel, Gerardo Burmester, Pedro Calapez, José Pedro Croft, Manuel Caeiro, Jason Martin ou Álvaro Negro abranguen a súa posibilidade escultórica. Resulta evidente que para moitos artistas é insuficiente a mera exposición de cadros, procurando o efecto dobre de imaxes producidas dentro do cadro e imaxes conformadas fóra del. Así, artistas que parten do mínimo para a través dun xogo de escalas desvirtuaren a nosa capacidade perceptiva, como Jean-Marc Bustamante, Ignacio Uriarte ou Peter Zimmermann, son o punto de partida dos que abordan a pintura ou o pictórico outorgando ao debuxo un papel esencial (Jonathan Lasker, Paulo Climachauska, Sandra Cinto, José Lourenço), ao collage como paradigma do contemporáneo (Shinique Smith, Suso Fandiño) ou ao arquivo como activo simbólico (Diego Santomé).

Pero a pintura non só desbordou o seu lugar senón que foi quen de desprenderse da materia que a caracterizaba, reencarnándose noutros medios como a fotografía ou o vídeo, tendencia que advertimos aquí en fotografías como as de Perejaume, Ignasi Aballí, João Penalva, Rita Magalhães, Tracey Moffatt ou Manuel Vilariño, en instalacións de luz como a de Albano Alfonso ou en vídeos que introducen o tempo na pintura, como o de Carlos Irijalba. A existencia dun imaxinario iconográfico compartido e a maneira de observar e traballar a realidade, fan que o pictórico funcione como pintura en tanto que idea ou pensamento que precede á súa plasmación en superficie. Porque ante cada imaxe proxectamos unha expectativa inconsciente derivada dunha contaminación irreversible de referentes visuais adquiridos previamente. Mentres, en artistas como Simeón Saiz Ruiz dáse o caso contrario, xa que parte da imaxe televisiva para recuperar criticamente a capacidade narrativa e informativa da pintura de historia, acción que encaixa con todo un tipo de pintura que traballa desde a construción da experiencia conectando a realidade con acontecementos políticos (Carlos Correia) ou ambientes ficticios e escenas cotiás (Miki Leal, Andrei Roiter, Curro González, Alain Urrutia); en definitiva, unha pintura que fala de todo o que nos arrodea. A imaxe fotográfica ou televisiva reencárnase xa non no medio senón nunha particular maneira de ver. Outros artistas, como Gil Heitor Cortesão, inverten a orde tradicional da pintura ao pintaren primeiro o que queda en primeiro plano, traballando así varios graos de complexidade da imaxe ao utilizaren a superficie como medio para producir un estrañamento ao pintar por detrás do cristal. A figuración en todos estes artistas é previa á pintura; o lenzo xa non está baleiro de antemán e a pintura non serve para producir a imaxe senón que é a imaxe a que nos serve para producir pintura.

Por outro lado, nas últimas décadas non faltaron artistas que falan do específico do pictórico, desenvolvendo procedementos do acto de pintar (Fiona Rae, Herbert Brandl, Nico Munuera, Yves Oppenheim), o automatismo do xesto gráfico (Otto Zitko), da mancha (Günther Förg), a distorsión perspectiva (Frank Nitsche), a deconstrución do espazo (Tobias Lehner), a lenta conquista do soporte (Helmut Dorner) ou os seus propios restos (Teo Soriano). Entre tanto, a promiscuidade da imaxe contemporánea levou á pintura a unha sorte de neobarroquismo, a unha tendencia ao extremo, definindo unha pintura contemporánea predominantemente híbrida e cada vez máis tendente ao collage e á disolución das disciplinas, características claves na construción desta colección, que, partindo dunha lóxica contemporánea, se define co tempo e se proxecta dinámica, coa fin de aportar unha mellora das perspectivas sociais e culturais da sociedade, con vocación pedagóxica e crítica, como toda arte contemporánea.

David Barro

Sobre o autor:

David Barro López (Ferrol, 1974) é crítico de arte, comisario, editor, coleccionista e director da Fundación Luis Seoane. Foi asesor da Colección de Arte Contemporánea da Fundación Barrié entre 2008 e 2012.


ETIQUETADO EN: