BUSCAR

FILTRAR

ÁREA
DATA

Memoria Anual 2022

Memoria corporativa e edicións anteriores

SUBSCRICIÓN AO NEWSLETTER

Reciba no seu correo toda a actualidade da Fundación Barrié

Subscribirse

CONTACTO DE PRENSA

Suzana Mihalic
Directora de Comunicación e Imaxe Corporativa


T. +34 981 060 091 / 659 459 030
smihalic@fbarrie.org


A Fundación Barrié promove este programa de promoción do talento nas aulas desde o ano 2016, en colaboración coa Consellería de Educación.

04-06-2019

Primeros resultados del Programa "Piteas"
© Fundación Barrié

A Coruña, 4 de xuño de 2019 - José María Arias Mosquera, Presidente da Fundación Barrié, e Carmen Pomar Tojo, Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional da Xunta de Galicia, presentaron hoxe os primeiros resultados do programa PITEAS correspondentes aos cursos académicos 2016-2017 e 2017-2018. Acompañáronos Mª Teresa Sánchez Castaño, profesora do Departamento de Psicoloxía Evolutiva e da Educación e directora en funcións da Unidade de Atención Educativa en Altas Capacidades da Universidade de Santiago; Rafael Lores, director do CEE de Panxón; Juan Carlos Pérez Mestre, director do IES A Xunqueira II e Irma García, directora do centro Inmaculada-Lasalle de Santiago en representación dos directores dos centros educativos participantes.
 
Piteas é un programa de promoción do talento nas aulas baseado na implantación do modelo SEM (Schoolwide Enrichment Model de Joseph S. Renzulli e Sally M. Reis), convenientemente adaptado á realidade educativa, económica e cultural de Galicia, e seguindo as directrices europeas no relativo ao desenvolvemento das competencias chave.
 
O programa, promovido pola Fundación Barrié, comeza no curso académico 2016-2017, coa implantación do modelo SEM en 7 centros educativos, realizada en colaboración coa Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional. De xeito paralelo, estase a desenvolver un estudo lonxitudinal nos devanditos centros, dirixido pola USC, para constatar a evolución do alumnado en aptitudes intelectuais, creatividade, comprensión lectora e actitudes sociais, emocionais e de conduta, así como o rendemento académico.
 
José María Arias Mosquera, Presidente da Fundación Barrié, destacou que “os resultados acadados ata hoxe superaron as expectativas, cumprindo así cos obxectivos marcados desde o inicio do programa”.
 
No curso 2017-2018 súmanse a Piteas outros 4 centros educativos coa intención de replicar o estudo, sumándose á investigación, creándose deste xeito unha nova liña de investigación que utilizará o mesmo deseño experimental. Na actualidade o programa Piteas compóñeno un total de 17 centros educativos en formación con máis de 2.600 alumnos e preto de 500 profesores.  
 
Piteas supón dar continuidade ao labor da Fundación Barrié na formación do profesorado para a detección e desenvolvemento do talento, que se remonta ao ano 2013 con Talento 3.0, programa que introduce por primeira vez en Galicia o modelo SEM, e que acumulan un investimento en torno a 1,5 millóns de euros.
 
Este programa debe o seu nome a Piteas, un navegante, explorador e científico grego do século IV a. C., a quen atribúen importantes descubrimentos, entre eles, que Hispania era unha península. Piteas soubo unir ciencia, esforzo e talento para construír unha nova ollada sobre o mundo que o rodeaba, unha idea que a Fundación Barrié retoma como metáfora do seu compromiso educativo.
 
Investigación
 
O investigación, dirixida pola USC, ten como obxectivo valorar en que medida a adopción do modelo SEM no noso contexto educativo contribúe a unha mellora nas habilidades cognitivas (memoria, razoamento lóxico-abstracto, numérico, verbal, espacial e competencia lectora), creativas (fluidez e orixinalidade na solución de problemas) e motivacionais (condutas, actitude...) do alumnado, así como no seu rendemento académico (cualificacións).
 
Con este obxectivo, estase a realizar un seguimento lonxitudinal, ao longo das etapas de Educación Primaria e Educación Secundaria Obrigatoria, do alumnado que participou na implantación de Piteas desde o seu inicio, distribuído en dous grupos: 205 alumnos de Educación Primaria e 285 alumnos de Educación Secundaria Obrigatoria.
A mostra componse, polo tanto, de 490 alumnos procedentes de sete centros educativos de Galicia: CEIP Ben-Cho-Shey (Pereiro de Aguiar, Ourense); CPR Eduardo Pondal (Cangas, Pontevedra); CEE de Panxón[1] (Nigrán, Pontevedra); CPR A Grande Obra de Atocha (A Coruña); CPR La Inmaculada (Santiago de Compostela); CEIP Carballal (Marín, Pontevedra) e IES A Xunqueira II (Pontevedra).  
 
A selección dos centros educativos baseouse na clasificación administrativa, o ámbito rural ou urbano, o tipo de titularidade pública ou privada así como o tamaño destes. O obxectivo era obter unha mostra o máis representativa posible dos centros que imparten as etapas de Educación Primaria e de Educación Secundaria Obrigatoria en Galicia, de maneira que os resultados obtidos na investigación fosen extrapolables á comunidade.
 
Para a avaliación das habilidades cognitivas, creativas e motivacionais comparáronse os resultados dunha batería de probas psicométricas (EFAI, BASC e CREA) realizadas á cohorte de alumnado Piteas a comezos do curso 2016-2017 (liña base) cos resultados obtidos a final de dito curso e do seguinte (2016-2017 e 2017-2018). A elección das probas psicométricas baséase na teoría de Renzulli, o Modelo dos Tres aneis, que achaca a produtividade superior a 3 factores: aptitudes intelectuais xerais (EFAI); motivación ou persistencia na tarefa (BASC), e creatividade (CREA). Á hora de seleccionar as probas, valorouse a súa operatividade a nivel grupal, a súa adaptación ao noso sistema educativo, a súa demostrada validez en estudos semellantes e á existencia dunha baremación contextualizada e fiable.
 
Para a medición do rendemento académico, comparáronse as medias das cualificacións[2] obtidas pola cohorte de alumnos Piteas coas obtidas por unha cohorte de alumnos do mesmo centro educativo, correspondente ao mesmo curso do ano anterior (grupo de control). O obxectivo é obter un punto comparativo o máis semellante posible en relación coas variables socio-demográficas deste.
 
Resultados (2016-2018)
 
Educación Secundaria:
En relación ás cualificacións académicas, a cohorte Piteas de Secundaria obtivo unha nota media nas materias troncais de 6,33 sobre 10, cualificación que supera en 0,70 puntos a obtida polo grupo de control (5,63 sobre 10). A melloría de resultados esténdese a todas as materias troncais: Lingua Castelá e Literatura, cunha diferencia de 0,97 puntos (6,31 fronte a 5,34), é a materia que experimenta unha melloría maior. Séguenlle as materias de ciencias (Bioloxía e Xeoloxía en 1º curso, e Física e Química en 2º curso), cunha diferenza de 0,94 puntos (6,77 fronte a 5,83); Lingua Estranxeira, cunha diferenza de 0,74 puntos (6,23 fronte a 5,5); Xeografía e Historia, cunha diferenza de 0,64 puntos (6,54 fronte a 5,90); Lingua Galega, cunha diferenza de 0,55 puntos (6,06 fronte a 5,51), e Matemáticas, cunha diferenza de 0,35 puntos (6,09 fronte a 5,74).
 
En relación ás habilidades cognitivas, os resultados obtidos no EFAI evidencian melloras significativas en todos os factores de rendemento e intelixencia da cohorte Piteas de Secundaria. En intelixencia non verbal, relacionada coa capacidade do suxeito para manipular espacialmente e razoar con padróns xeométricos e figuras; destreza para resolver problemas con contidos figurativos e simbólicos, a cohorte Piteas pasa de situarse nun percentil[3] 51 a comezo do curso 2016-2017 a un percentil 72 ao final do curso 2017-2018. En intelixencia verbal, relacionada coa capacidade do suxeito para razoar, resolver problemas e traballar con contidos que teñan unha importante compoñente cultural (símbolos verbais e numéricos), a cohorte Piteas pasa de situarse nun percentil 62 ao comezo do curso 2016-2017 a un percentil 69 ao final do curso 2017-2018. Finalmente, en intelixencia xeral, relacionada coa capacidade para resolver axilmente distintos tipos de problemas, a cohorte Piteas pasa de situarse nun percentil 58 ao comezo do curso 2016-2017 a un percentil 73 ao final do curso 2017-2018.
 
A respecto da creatividade, obsérvase unha mellora significativa nos resultados obtidos pola cohorte Piteas de Secundaria no Test de Intelixencia Creativa CREA, pasando de situarse nun percentil 25, correspondente a un nivel de creatividade baixo[4], ao comezo do curso 2016-2017 a un percentil 49, correspondente a un nivel de creatividade medio, ao final do curso 2017-2018. Os resultados indican un aumento na facilidade e disposición do alumnado para elaboraren novos esquemas de pensamento ante diferentes situacións comúns ou frecuentes.
 
Educación Primaria:
En relación ás cualificacións académicas, a cohorte Piteas de Primaria obtivo unha nota media nas materias troncais de 7,71 sobre 10, cualificación que supera en 0,27 puntos a obtida polo grupo de control (7,44 sobre 10). A melloría de resultados, máis moderada que no caso de Secundaria, tamén se estende a todas as materias troncais: Lingua Castelá e Literatura, cun incremento de 0,56 puntos (7,71 fronte a 7,14), continúa a ser a materia que experimenta unha mellora maior. Séguenlle Matemáticas, cun incremento de 0,44 puntos (7,74 fronte a 7,3); Lingua Galega e Literatura, cun incremento de 0,38 puntos (7,39 fronte a 7,01); Ciencias Sociais, cun incremento de 0,13 puntos (7,73 fronte a 7,6); Ciencias Naturais, cun incremento de 0,11 puntos (7,77 fronte a 7,66); e Lingua Estranxeira, cun incremento de 0,01 puntos (7,91 fronte a 7,90).
 
En relación ás habilidades cognitivas, observouse unha mellora notable nas puntuacións do alumnado de Primaria. En intelixencia non verbal, a cohorte Piteas pasa de situarse nun percentil 51 ao final do curso 2016-2017 a un percentil 68 ao final do curso 2017-2018. En intelixencia verbal, a cohorte Piteas pasa de situarse nun percentil 30 ao final do curso 2016-2017 a un percentil 69 ao final de curso 2017-2018. Finalmente, en intelixencia xeral a cohorte Piteas pasa de situarse nun percentil 38 ao final do curso 2016-2017 a un percentil 70 ao final do curso 2017-2018. Non obstante, a mellora debe tomarse con prudencia, por mor de que en 1º de Primaria (curso 2016-2017) é prematuro aplicar probas de rendemento.
A respecto da creatividade, obsérvase unha mellora significativa nos resultados obtidos pola cohorte Piteas de Primaria, pasando dun percentil 58 (nivel de creatividade medio) a un percentil 80 (nivel de creatividade alto).

ANEXO 1
 
Descrición das probas psicométricas
 
EFAI serviranos para avaliar a capacidade actual para resolver con axilidade problemas de moi diverso tipo, manter unha axeitada flexibilidade intelectual e realizar procesos lóxicos de dedución e indución. Está constituído por catro baterías, cada unha dirixida a un nivel de idade ou de formación diferente e cada unha composta por cinco tests; aptitudes espaciais, aptitudes numéricas, aptitudes verbais, razoamento abstracto e memoria. Permite por tanto avaliar dunha forma moi completa e cun enfoque homoxéneo as aptitudes intelectuais desde idades temperás. A partir das puntuacións destas cinco dimensións obtéñense 3 puntuacións de segunda orde: intelixencia non verbal, intelixencia verbal e intelixencia xeral.
 
O BASC é unha batería de avaliación de factores de tipo condutual e motivador no ámbito educativo, que nos axuda a facernos unha idea dos aspectos máis emocionais de cada alumno, servíndonos como complemento para comprendermos como afecta o modelo a cada un dos estudantes, e buscar correlacións entre estas variables e as de rendemento. Utilizamos para iso un autoinforme para os estudantes de Secundaria e un cuestionario para que enchan os titores no caso dos de Primaria.
 
O cuestionario CREA proporcionaranos unha medición cuantitativa da creatividade dos alumnos e alumnas. É importante salientar, neste punto, a dificultade para medir este construto, polo que a busca dunha proba que se adaptase ao que se buscaba foi especialmente exhaustiva e a elección, concienzudamente analizada. Á medida da fluidez (baremo estandarizado) engadimos a medida da orixinalidade (baremo relativo da nosa mostra PITEAS).
 

[1] O centro de educación especial de Panxón, polas súas características especiais, é un centro que se está a avaliar de forma idéntica ao resto, pero cuxos resultados non se inclúen nesta mostra. Serán obxecto dun estudo separado, tanto cualitativo como cuantitativo.
[2] Para o cálculo das medias, recorreuse ás medias das cualificacións obtidas nas 6 avaliacións que o grupo de Piteas realizou nos anos académicos 2016-17 e 2017-18 (1ª, 2ª e 3ª avaliación en cada un dos anos académicos). Estas notas medias comparáronse con estas mesmas cualificacións pero obtidas polo grupo de control, no año inmediatamente anterior. 
[3] O percentil é a expresión da posición do alumno respecto ao grupo, indicando a porcentaxe de alumnos que quedan por baixo del.
[4] Niveis de creatividade test CREA: Percentil de1 a 25 (baixo), de 26 a 74 (medio) e de 75 a 99 (alto).

RECURSOS DISPONIBLES

Imaxes

Videos