Inicio / Sala de prensa / Nota de prensa Simposio A. W. Mellon

BUSCAR

FILTRAR

ÁREA
DATA

Memoria Anual 2016

Memoria corporativa e edicións anteriores

SUBSCRICIÓN AO NEWSLETTER

Reciba no seu correo toda a actualidade da Fundación Barrié

Subscribirse

CONTACTO DE PRENSA

Suzana Mihalic
Directora de Comunicación e Imaxe Corporativa


T. +34 981 060 091 / 659 459 030
smihalic@fbarrie.org


A Fundación Barrié organiza o II Simposio Internacional Andrew W. Mellon que dará a coñecer os novos avances no proxecto de Investigación, Conservación Preventiva e Restauración do Pórtico da Gloria o 7 e 8 de xullo no Consello da Cultura Galega (Santiago de Compostela)

07-07-2016

  • Este simposio encádrase no programa de actividades definido na colaboración que a Andrew W. Mellon Foundation mantén co Programa Catedral de Santiago de Compostela.
  • O Programa Catedral é promovido pola Fundación Catedral e a Fundación Barrié en colaboración co Instituto do Patrimonio Cultural de España (IPCE) e a Xunta de Galicia. A restauración do Pórtico da Gloria é posible grazas ao mecenado da Fundación Barrié que destinou 6 millóns de euros ao Programa Catedral.
  • O II Simposio Internacional Andrew W. Mellon ten como obxectivo presentar unha visión conxunta dos resultados obtidos ata agora e reúne unha serie de destacados conservadores, científicos e historiadores da arte participantes no Programa Catedral de Santiago, na compaña dun selecto grupo de recoñecidos expertos internacionais, entre outros, do Conservation Center of the Institute of Fine Arts da Universidade de Nova York e do Metropolitan Museum of Art, de Columbia University, de Harvard University e do Getty Conservation Institute de Los Angeles.
  • Con este simposio a Fundación Barrié, que mantén un firme compromiso co Patrimonio desde a súa constitución hai 50 anos, quere achegar as novidades e importantes descubrimentos da investigación e dos traballos de restauración do Pórtico da Gloria á sociedade galega, e divulgar a importancia de preservar o Patrimonio.
  • Entre as novidades destaca o remate dun estudo de correspondencia das policromías do Pórtico que permitiu identificar en todas as zonas as diferentes técnicas de execución e motivos decorativos empregados en cada época posibilitando a súa reconstrución virtual.

© Fundación Barrié

Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2016.- O presidente da Fundación Barrié, José María Arias Mosquera e o director da Fundación Catedral de Santiago, Daniel Lorenzo, ofreceron unha rolda de prensa para presentar o II Simposio Internacional que se celebra hoxe e mañá en Santiago de Compostela. No acto acompañáronos Ana Laborde Marqueze, coordinadora de restauración do Programa Catedral e restauradora do Instituto do Patrimonio Cultural de España do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte e Francisco Prado-Vilar, coordinador científico do Programa Catedral e director do Programa Andrew W. Mellon para a Catedral de Santiago do Real Colexio Complutense da Universidade de Harvard os cales deron a coñecer as principais novidades dos traballos de investigación, conservación preventiva e restauración do Pórtico da Gloria.
 
O II Simposio Internacional que se celebra baixo o título O Esplendor do Pórtico da Gloria: conservación, policromía e a transfiguración da materia desenvólvese no marco do programa de actividades definido na colaboración que a Andrew W. Mellon Foundation mantén co Programa Catedral de Santiago de Compostela, arredor dos traballos de estudo e restauración do Pórtico da Gloria.
 
As xornadas, abertas ao público, teñen como obxectivo presentar unha visión conxunta dos resultados obtidos ata agora e reúne a unha serie de destacados conservadores, científicos e historiadores da arte participantes no Programa Catedral de Santiago, na compaña dun selecto grupo de recoñecidos expertos internacionais, entre outros, do Conservation Center of the Institute of Fine Arts da Universidade de Nova York e do  Metropolitan Museum of Art, de Columbia University, de Harvard University e do Getty Conservation Institute, de Los Angeles. Estes convidados van presentar algúns dos proxectos de vangarda que captaron a atención da prensa internacional recentemente, desde o New York Times a The Guardian, como é o caso do Dr. Narayan Khandekar, director do prestixioso Straus Center for  Conservation and Technical  Studies da Universidade de Harvard, onde, en colaboración con equipos do MIT (Instituto Tecnolóxico de Massachusetts), desenvolveron un sistema de restitución científica da cor a través de análises fotogramétricas cunha tecnoloxía que, ademais, permite a visualización da obra de arte restaurada na intensidade orixinal das súas cores cun sistema de proxección de compensación cromática.
 
Restauración do Pórtico da Gloria – Estado actual
 
Desde o pasado mes de maio e durante 18 meses, un equipo de nove restauradores están a intervir no Pórtico da Gloria baixo a coordinación do Instituto do Patrimonio Cultural de España (IPCE) e, en colaboración coa Oficina Técnica da Fundación Catedral que ostenta a Dirección Facultativa de todas as intervencións levadas a cabo no edificio.
 
O IPCE coordina e desenvolve varias liñas de estudo para profundar no coñecemento dos materiais e dos complexos mecanismos de deterioración que poñen en risco a conservación do soporte e os estratos de cor, relacionados coas condicións do contorno, os materiais empregados para a súa execución e os engadidos nas anteriores restauracións. Nestes estudos participan tamén investigadores e técnicos doutras institucións e empresas como o Consello Superior de Investigacións Científicas, Arte-Lab S.L., a Universidade Complutense de Madrid, Petra S. Coop., a Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade de Zaragoza, TSA Conservación de Patrimonio, a Fundación Catedral Santa Mª de Vitoria, a World Monuments Fund e o Instituto Valenciano de Conservación e Restauración. Así como investigadores dalgúns dos centros máis prestixiosos do mundo como as universidades de Harvard, MIT (Instituto Tecnolóxico de Massachusetts), Stanford, Georgetown e Florencia.
 
Por mor da crítica situación de conservación na que se encontran a pedra e as policromías, resulta imprescindible contar co apoio dun equipo interdisciplinar de investigación durante toda a restauración. O proceso de intervención vai ser un traballo vagaroso e complexo sendo necesario avaliar o comportamento dos sistemas testados durante todo o proceso.
 
Ademais, un proxecto tan relevante está a servir para pór a punto metodoloxías de actuación que poderán ser aplicadas no futuro a outros conxuntos de pedra policromada. Neste sentido, estase elaborando un “Protocolo de avaliación do risco dos tratamentos de restauración”, que se integra no Plan Nacional de Investigación en Conservación (Ministerio de Educación, Cultura e Deporte), comprobando a efectividade dos distintos métodos, a súa interacción cos materiais que se van conservar, os residuos xerados e os posibles cambios de cor, tanto durante o desenvolvemento da intervención como para programar os futuros traballos de mantemento.
 
É a primeira vez que se utilizan sistemas xelificados a base de nanopartículas para a limpeza da pedra policromada e equipos láser con diferentes lonxitudes de onda. Tamén se están empregando equipos de precisión como os microaspiradores, agullas de succión e micronebulizadores que permiten unha actuación puntual e controlada.
 
Entre as novidades salienta o remate dun estudo de correspondencia que permite a reconstrución virtual das diferentes policromías que decoraron o Pórtico da Gloria desde a súa construción.
 
Ademais, durante o proceso de restauración están a saír á luz novas evidencias que nos permiten completar os estudos realizados sobre as fases construtivas, os materiais empregados nas diferentes épocas, o alcance das policromías, novos motivos decorativos, a súa datación, etc.
 
É a primeira vez que se acomete a restauración do conxunto de forma integral e cun carácter transversal, poñendo en relación o Pórtico da Gloria coa Catedral de Santiago e o seu contorno, respectando os seus valores inmateriais e de uso. É tamén a primeira vez que se formula non como unha intervención illada senón como un proceso en continuo, definindo unhas zonas de control e a monitorización dos tratamentos aplicados.
 
Partindo dos estudos previos con técnicas non invasivas, como a fluorescencia de raios X e a espectroscopía infravermella, procedeuse á toma de micromostras para a súa análise con microscopía, cromatografía, difracción de Raios X e espectroscopía RAMAN. Os datos analíticos de pigmentos e aglutinantes puxéronse en relación cos observados in situ mediante un minucioso exame con estereomicroscopio de cada escultura, podendo definir a secuencia decorativa conservada en cada unha delas e reconstruír virtualmente as diferentes policromías que decoraron o Pórtico ao longo dos séculos. Identificáronse catro intervencións a nivel xeral e numerosos retoques puntuais, con motivos decorativos pintados, estampillados e en relevo, realizados mediante a aplicación de láminas metálicas sobre os mantos e túnicas. Non obstante, durante os próximos meses sairán á luz novas evidencias que completarán os datos obtidos ata agora.
 
Por mor do volume de documentación existente e que se seguirá a xerar no futuro foi necesario implementar un sistema de xestión adaptado ás necesidades do proxecto. A Fundación Catedral Santa María de Vitoria está implementando para o Programa Catedral a aplicación Sandstone, Heritage Documentation Software, creada por Integrated Conservation  Resources (ICR) e a World Monuments Fund.
 
Descubrimentos de investigación histórico-artística
 
Grazas as investigacións levadas a cabo no marco do Programa Catedral, identificáronse  de xeito iconográfico todas as esculturas desprendidas da fachada exterior do Pórtico que, ata agora, permanecían anónimas en museos e coleccións privadas. Cabe salientar entre elas as magníficas figuras dos profetas Enoc e Elías, hoxe no Museo de Pontevedra, que na súa posición orixinal nas xambas do grande arco da entrada, servían de introdutores á visión apocalíptica do final dos tempos que se desencadea no interior do Pórtico. Tamén se descubriu a primeira representación monumental de Santiago cabaleiro, unha figura de extraordinaria calidade que se encontra na actualidade nunha colección particular, e que orixinalmente estaba situada na parte baixa da fachada románica da catedral onde servía de modelo para os reis que acudían á basílica compostelá para ser coroados ou investidos cabaleiros da Orde de Santiago. A identificación destas e doutras esculturas permitiu realizar a primeira reconstrución completa do programa iconográfico da fachada románica deseñada polo Mestre Mateo, unha obra que agora se considera chave da Historia da Arte e que se cría perdida cando foi substituída pola fachada barroca de Casas Novoa no s. XVIII. Con esta grande obra, o Mestre Mateo conseguiu a transformación monumental dun edificio concibido, na súa orixe, como un templo de peregrinación, nunha maxestosa catedral real que servía de escenario privilexiado para a celebración de grandes cerimonias áulicas. Grazas ao Programa Catedral profundouse nos significados, o funcionamento simbólico e os efectos estéticos de vangarda deste conxunto.
 
Seguindo a liña destas investigacións, o Dr. Francisco Prado-Vilar da Universidade de Harvard vai revelar, no marco do seu relatorio neste simposio, novos descubrimentos ata agora inéditos sobre aspectos fundamentais do conxunto do Pórtico, identificando esculturas cuxos significados permaneceron descoñecidos ata o momento. 


RECURSOS DISPONIBLES

Imaxes

Videos