Inicio / Sala de prensa / Nota Prensa Ciclo Conferencias "O Museo do Prado. Fitos históricos das súas coleccións”

BUSCAR

FILTRAR

ÁREA
DATA

Memoria Anual 2017

Memoria corporativa e edicións anteriores

SUBSCRICIÓN AO NEWSLETTER

Reciba no seu correo toda a actualidade da Fundación Barrié

Subscribirse

CONTACTO DE PRENSA

Suzana Mihalic
Directora de Comunicación e Imaxe Corporativa


T. +34 981 060 091 / 659 459 030
smihalic@fbarrie.org


A Fundación Barrié organiza o ciclo de conferencias “O Museo do Prado. Fitos históricos das súas coleccións”, en colaboración coa Fundación Amigos do Museo do Prado na Coruña, Vigo e Santiago

31-10-2016

  • As conferencias son de entrada libre e celebraranse na Coruña, Vigo e Santiago de Compostela entre novembro e decembro de 2016 e febreiro de 2017.
  • A Fundación Barrié organiza estas conferencias cada ano, desde 1999, en colaboración coa Fundación Amigos do Museo do Prado, e na súa  programación deste ano profundará sobre a peculiar historia de como se foron configurando as coleccións do Museo do Prado.

Os fusilamentos do 3 de maio. Francisco de Goya
© Museo Nacional do Prado

A Coruña, 31 de outubro de 2016.- A Fundación Barrié organiza unha nova edición do ciclo de conferencias que se celebra cada ano, desde 1999, en colaboración coa Fundación Amigos do Museo do Prado, e na súa proposta para 2016-2017 contará coa colaboración dos mellores especialistas nacionais e internacionais para profundar na peculiar historia de como se foron configurando as coleccións do Museo do Prado.

As conferencias son de entrada libre ata completar a capacidade do local e celebraranse os xoves 3, 10 e 17 de novembro ás 20.00 horas na sede da Fundación na Coruña. O ciclo trasladarase en dicembro á sede da Fundación en Vigo e concluirá no Paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela, en febreiro de 2017.

Presentación director Ciclo: Francisco Calvo Serraller, catedrático de Historia da Arte. Universidade Complutense de Madrid

O Museo do Prado. Fitos históricos das súas coleccións

Nas vésperas de facer o seu bicentenario, -o que o presenta como un dos pioneiros entre os museos públicos- o Museo do Prado ten, á marxe da súa duración, unha singularidade universalmente recoñecida: a de terse orixinado como colección particular dos reis de España entre os séculos XV e XIX.

Isto queda de manifesto tanto no período en que a súa colección serviu de exemplo para a doutras moitas das cortes europeas, como cando se transformou nunha institución pública, por ter seguido basicamente ese suco orixinal na ulterior ampliación dos seus tesouros artísticos. Neste sentido, o Museo do Prado configura un modelo de colección moi diferente ao da maioría das grandes entidades do seu tipo, case todas cortadas polo padrón dunha visión enciclopédica da historia da arte, as cales pretenden, con maior ou menor fortuna, axuntar exemplos de todos os estilos e personalidades senlleiras do que hoxe consideramos como artístico. Fronte elas, a colección do Museo do Prado, -coas vantaxes e inconvenientes desta singularidade- refulxe co toque do excepcional, que se determina polos seus marabillosos excesos e as súas clamorosas ausencias.

Sexa como for, o obxectivo do presente curso é o de afondar sobre esta peculiar historia de como se foron configurando as coleccións do Museo do Prado, non só abordando os feitos máis significativos dela, senón tamén como o seu molde orixinal se enriqueceu tras a súa fundación, aspecto este último que será analizado a través do comentario individualizado dalgunhas das obras mestras que se incorporaron, por regueiros moi desemellantes, durante aproximadamente o último século alongado da súa xestión pública. Para acometer esta tarefa, a Fundación Amigos do Museo do Prado convidou a participar aos mellores especialistas na materia, nacionais e internacionais.
 
PROGRAMA

A CORUÑA (2016)

Xoves, 3 novembro
Francisco Calvo Serraller
Catedrático de Historia da Arte, Universidade Complutense de Madrid
Título: A épica da derrota: Velázquez, Goya, Picasso

Resumo: Dentro da súa extraordinaria colección, o Museo do Prado posúe obras que, á marxe da súa excepcional calidade, atesouran claves éticas cruciais para a nosa época contemporánea. Este legado está ligado ao destino histórico do noso país desde o momento no que se fraguou, primeiro, a súa decadencia militar e, posteriormente, a caída do imperio hispánico. Esta conferencia céntrase na análise de cadros que deron un testemuño signifi­cativo da inversión moral que se produciu para mudar o sufrimento das derrotas nunha vitoria ética. Analizarase o sentido daquelas obras que se convirteron en iconas de como o triunfo da forza foi substituído por outros valores de maior relevancia racional e ética, que proclaman o intolerable de vencer sen convencer. Signifi­cativamente, as máis importantes foron executadas por artistas españois entre os séculos XVII e XX e pertencen á colección do Museo do Prado, polo que reparar na cuestión ética de fondo que alumean é un dos fitos máis notables desta histórica institución, que deste xeito, tamén desde esta perspectiva, demostra a súa peculiar personalidade.
 
10 novembro: A oración no horto. Colart de Laon, por Pilar Silva, Xefa de Departamento de Pintura Española (1100-1500) e Pintura Flamenca e Escolas do Norte (1400-1600)

17 noviembre:  Agasallar pinturas. Da Colección Real ao Museo do Prado, por Miguel Falomir, Director adxunto de Conservación e investigación, Museo do Prado

 
VIGO (2016)

1 dicembro: Voo de bruxas e A Marquesa de Santa Cruz. Francisco de Goya, Manuela Mena, Xefa de Conservación de Pintura do Século XVIII e Goya, Museo do Prado

15 decembro: Do gabinete ao Campus: as transformacións da sede do Museo do Prado, por Luis Fernández Galiano, Catedrático de Proxectos, Escola Técnica Superior de Arquitectura de Madrid

22 decembro: O Tesouro do Delfín, por Letizia Arbeteta, Corpo Facultativo de Museos
 

SANTIAGO DE COMPOSTELA (2017)

16 febreiro: A épica da derrota: Velázquez, Goya, Picasso, por Francisco Calvo Serraller, Catedrático de Historia da Arte, Universidade Complutense de Madrid

23 febreiro: A Condesa de Chinchón. Francisco de Goya, por Xavier Bray, Arturo and Holly Melosi Chief Curator, Dulwich Picture Gallery, Londres

RECURSOS DISPONIBLES

Imaxes