Inicio / Sala de prensa / Ciclo de conferencias “A era dos xenios. De Miguel Ángel a Arcimboldo”

BUSCAR

FILTRAR

ÁREA
DATA

Memoria Anual 2016

Memoria corporativa e edicións anteriores

SUBSCRICIÓN AO NEWSLETTER

Reciba no seu correo toda a actualidade da Fundación Barrié

Subscribirse

CONTACTO DE PRENSA

Suzana Mihalic
Directora de Comunicación e Imaxe Corporativa


T. +34 981 060 091 / 659 459 030
smihalic@fbarrie.org


31-10-2017

  • A Fundación Barrié organiza estas conferencias cada ano, desde 1999, en colaboración coa Fundación Amigos do Museo do Prado.
  • As conferencias son de entrada libre e celebraranse na Coruña e Santiago de Compostela entre novembro de 2017 e febreiro-marzo de 2018.
  • Ao longo do século XVI sucedéronse importantes acontecementos que cambiaron o destino histórico de Europa e da arte. Por unha banda, a iconoclastia protestante revolucionou os xéneros artísticos, mentres que a Igrexa católica adoptou formulacións máis dramáticas e naturalistas. No medio, desenvolveuse unha concepción sofisticada e subxectiva da arte coñecida como manierismo, que envorcou o canon clásico e potenciou a individualidade do artista. Neste curso estudaranse os xenios que marcaron este apaixonante periodo.

Ciclo de conferencias “A era dos xenios. De Miguel Ángel a Arcimboldo”, organizado pola Fundación Barrié en colaboración coa Fundación Amigos do Museo do Prado
© Fundación Barrié

A Coruña, 20 de outubro de 2017.- A Fundación Barrié organiza unha nova edición do ciclo de conferencias que se celebra cada ano, desde 1999, en colaboración coa Fundación Amigos do Museo do Prado, e na súa proposta para 2017-2018 contará coa colaboración dos mellores especialistas nacionais e internacionais para profundar nos xenios que marcaron o apaixonante período do século XVI no que sucederon importantes acontecementos que cambiaron o destino histórico de Europa e da arte.

As conferencias son de entrada libre ata completar a capacidade do recinto e celebraranse os xoves 2, 9, 16 e 23 de novembro ás 20.00 horas na sede da Fundación na Coruña. O ciclo trasladarase en febreiro e marzo ao Paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela.

Presentación director Ciclo: Francisco Calvo Serraller, catedrático de Historia da Arte. Universidade Complutense de Madrid
“A era dos xenios. De Miguel Ángel a Arcimboldo”

Nun apertado feixe de datas cambiou o destino histórico de Europa e, xa que logo, o da arte. Baste ao respecto citar algúns dos acontecementos máis senlleiros dese momento crucial: en 1492, Colón descobre o novo continente americano; en 1517, o frade agostiño Martín Lutero estampa nas portas da igrexa do castelo de Wittenberg as 95 teses que con­figuran a Reforma protestante; en 1527, as tropas de Carlos V asolan Roma; en 1545, iníciase o Concilio de Trento, que establece a doutrina da Contrarreforma. Son os fitos principais da xestación dun mundo novo en todas as ordes.
As consecuencias destes eventos revolucionarios, que se suceden case todos durante a primeira metade do século XVI, envorcaron a concepción tradicional da arte tanto dun punto de vista simbólico como formal. Por unha parte, a iconoclastia protestante revolucionou os xéneros artísticos nos países nos que triunfou, mentres que a reafirmación católica das imaxes sagradas animou o seu culto con formulacións máis dramáticas e naturalistas. No medio destas tendencias, desenvolveuse unha concepción sofisticada e subxectiva do artístico, logo bautizado co nome de manierismo, que relaxou o canon clásico ata case a súa ruptura. Sexa como for, todas estas turbulencias estimularon o individualismo artístico, sen o cal non se xestaría o toque do xenial ata a actualidade. Porque o xenial supón que a inspiración natural se impón sobre calquera regulamento establecido con menor ou maior virulencia. Neste sentido, a imaxinación imprime o seu selo nas futuras obras da arte. O século XVI, polo tanto, despunta o culto á personalidade na arte. No presente curso, abordarase o estudo das obras dalgúns dos máis egrexios representantes deste apaixonante momento, crucial para o desenvolvemento da arte moderna.
 
PROGRAMA

A CORUÑA (2017)

2 novembro: O nacemento dos xenios. Teoría artística manierista, por Francisco Calvo Serraller, catedrático de Historia da Arte, Universidade Complutense de Madrid.

9 novembro: Giuseppe Arcimboldo. Metamorfose da natureza, por Thomas DaCosta Kaufmann, profesor Frederick Marquand de Arte e Arqueoloxía, Princeton University, Nova Jersey.

16 novembro: Benvenuto Cellini, libero de lingua a la par che di mano, por Cristóbal Belda, catedrático emérito de Historia da Arte, Universidade de Murcia.

23 novembro: O Greco, paradigma do xenio, por Leticia Ruiz, xefa do Departamento de Pintura Española do Renacemento e Primeiro Naturalismo, Museo do Prado.

SANTIAGO DE COMPOSTELA (2018)

8 febreiro: Renacemento e manierismo na escultura dos Leoni, por Fernando Checa, catedrático de Historia da Arte, Universidade Complutense.

22 febreiro: Último Rafael: arquitecturas e pinturas, por Fernando Marías, catedrático de Historia da Arte, Universidade Autónoma de Madrid.

1 marzo: Jacopo da Pontormo. Manierismo e melancolía, por Francisco Jarauta, filósofo.