Inicio / Sala de prensa / Ciclo de conferencias “Do presente ao pasado. Vangarda e tradición na arte española contemporánea”

BUSCAR

FILTRAR

ÁREA
DATA

Memoria Anual 2016

Memoria corporativa e edicións anteriores

SUBSCRICIÓN AO NEWSLETTER

Reciba no seu correo toda a actualidade da Fundación Barrié

Subscribirse

CONTACTO DE PRENSA

Suzana Mihalic
Directora de Comunicación e Imaxe Corporativa


T. +34 981 060 091 / 659 459 030
smihalic@fbarrie.org


O ciclo de conferencias é en colaboración coa Real Asociación Amigos do Museo Raíña Sofía.

13-01-2017

  • A Fundación Barrié organiza este ciclo de conferencias en colaboración coa Real Asociación Amigos do Museo Nacional Centro de Arte Raíña Sofía  co obxectivo non só de revisar a singular e moi interesante historia da arte española contemporánea, senón tamén abrir unha xanela ao que foi o seu pouso internacional.
  • As conferencias serán a cargo de expertos como Francisco Calvo Serraller, Manuela B. Mena Marqués, Juan José Lahuerta e Agustín Sánchez Vidal que abordarán a obra dunha serie de artistas españois como Antonio Saura, Pablo Picasso ou Salvador Dalí, entre outros.
  • O ciclo de conferencias reafirma o compromiso da Fundación Barrié ca arte contemporánea que manifesta a través da súa colección de pintura contemporánea internacional e a celebración de diversos eventos ao seu redor.
  • As conferencias son de entrada libre e celebraranse os xoves 19 e 26 de xaneiro,  2 e 9 de febreiro na sede da Fundación Barrié na Coruña. 

Francisco Calvo Serraller, Manuela B. Mena Marqués, Juan José Lahuerta e Agustín Sánchez Vidal, relatores do ciclo.

A Coruña, 12 de xaneiro de 2017.- A Fundación Barrié organiza un novo ciclo de conferencias en colaboración coa Real Asociación Amigos do Museo Nacional Centro de Arte Raíña Sofía co obxectivo non só de revisar a singular e moi interesante historia da arte española contemporánea, senón tamén, ao ser a arte cosmopolita de seu, abrir unha xanela ao que foi o seu pouso internacional.

A través do comentario da obra dunha serie de artistas españois contemporáneos, todos eles de indubidable proxección internacional, este curso pretende levar a cabo unha análise crítica das fundamentais achegas de cada un deles, pero, sobre todo, profundando na peculiar raizame histórica da súa arte, o que supón medir as súas novidosas contribucións na arte dos séculos XX e XXI á luz do seu ricaz pasado antropolóxico.

Neste senso, cada un dos conferenciantes convocados para esta aventura, seleccionados entre os mellores especialistas na materia, tratarán de descifrar nos artistas asignados os fundamentos históricos das súas respectivas linguaxes e traxectorias a través das obras que na súa opinión mellor o acrediten.

A FUNDACIÓN BARRIÉ E A ARTE CONTEMPORÁNEA

O compromiso da Fundación Barrié coa arte contemporánea maniféstase na súa colección de pintura contemporánea internacional que, nada en 2008, se compón de obras de artistas que se achegan á pintura desde a fotografía, a instalación ou a escultura, xogando coa expansión e a reencarnación da pintura noutros medios; na concesión de bolsas para valores emerxentes; en ciclos de conferencias enfocados ao coñecemento, entendemento, debate e percepción da creación contemporánea internacional; nun consolidado programa de exposicións temporais arredor de linguaxes artísticas e figuras consolidadas da contemporaneidade e na edición de publicacións relacionadas; pero sobre todo na produción continua de programas didácticos innovadores dirixidos a públicos de todas as idades que aspiran a potenciar a capacidade crítica, estimular a creatividade e propiciar a expresividade daqueles que participan nas devanditas actividades.
 
A  Fundación Barrié apoia así mesmo a museos e colecciones como o Museo do Prado (co que celebra cada ano un ciclo de conferencias na Coruña, Vigo e Santiago de Compostela), a Colección de Arte Contemporánea ou o Centro Galego de Arte Contemporánea, a través de asociacións de amigos e fundacións vinculadas a estas institucións.
 
PROGRAMA
 
A CORUÑA. 20.00horas. Entrada libre ata completar a capacidade do recinto

Xoves, 19 xaneiro:
A arte española entre o lume e o cristal
Francisco Calvo Serraller, catedrático de Historia da Arte, Universidade Complutense de Madrid
 
Resumo conferencia
Fronte ao tópico romántico que aseguraba que a sensibilidade artística española -ou o máis xenuíno dela- era dunha pegada realista de marcado acento expresionista, como así se acreditaba tanto entre os mestres históricos como entre os máis dos contemporáneos, na presente conferencia tratarase de demostrar que o veleno da súa inspiración foi máis rico e complexo, dunha natureza bipolar. Porque, xa desde o século XVI, xunto a esa corrente de orientación naturalista, houbo outra de carácter máis analítico-xeométrica, manténdose a tensión deste enfrontamento ata practicamente a actualidade. Neste senso, coa denominación metafórica do "lume", alúdese á creación plástica de corte máis visceral, realista e expresionista, mentres coa do "cristal" á súa alternativa máis mental, ideal e xeometrizante. Ás veces, esta dicotomía pódese seguir como coexistentes correntes paralelas, pero tamén pode ocorrer que ambas se produzan sucesivamente na traxectoria dun mesmo artista. Nun curso que rastrexa os antecedentes históricos da arte española contemporánea, é moi interesante salientar esta peculiaridade, xa que non só aclara máis e mellor a identidade da arte española, senón que pondera de forma máis axeitada o seu valor e as súas posibilidades. Para presentar este panorama revisaranse de xeito visual obras características de ambas as correntes ao longo dos últimos cinco séculos.
 
Xoves, 26 xaneiro: Antonio Saura e a súa exploración da España escura: Goya e outros,  por Manuela B. Mena Marqués, xefa de Conservación de Pintura do século XVIII e Goya. Museo do Prado
 
Xoves, 2 febreiro: Picasso e a arte medieval, por Juan José Lahuerta, director da Cátedra Gaudí, Escola de Arquitectura de Barcelona
 
Xoves, 9 febreiro: Salvador Dalí: tradicións, traizóns e outros labirintos, Agustín Sánchez Vidal, catedrático Emérito de Cine e outros medios audiovisuais. Universidade de Zaragoza
 
BIOGRAFÍAS RELATORES
 
Francisco Calvo Serraller é doutor en Filosofía e Letras na especialidade de Historia da Arte pola Universidade Complutense, da que é catedrático de Historia da Arte Contemporánea desde 1989. É membro da Real Academia de Belas Artes de San Fernando desde 2001. Foi Director do Museo do Prado. É colaborador habitual do diario El País. Foi comisario de numerosas exposicións: Naturezas españolas; O século de Picasso; Goya. A imaxe da muller; Flores españolas do Século de Ouro; Picasso: Tradición e Vangarda, entre outras. Entre as súas numerosas publicacións cabe salientar os libros a seguir: Teoría de la pintura del Siglo de Oro (1981), Artistas españoles entre dos fines de siglo: de Eduardo Rosales a Miquel Barceló (1991), "Las Meninas" de Velázquez (1996), El arte contemporáneo (2001), Extravíos (2011), Introducciones Al Museo Del Prado (2015). En colaboración con Juan Pablo Fusi escribiu El espejo del tiempo. La historia y el arte de España (2009).
 
Manuela B. Mena Marqués, é doutora en Historia da Arte pola Universidade Complutense. Na actualidade e desde 1996 é Xefa da Área de Conservación de Pintura do Século XVIII e Goya. Iniciou a súa carreira como profesora de Historia da Arte na Universidade Complutense e máis tarde na Universidade Autónoma de Madrid. En 1980 ingresou no Museo do Prado como Conservadora de Debuxos e Estampas, sendo responsable da Subdirección de Conservación e Investigación entre 1981 a 1996, ademais de ser membro do Real Padroado do Museo de 1990 a 1996. A súa primeira exposición no Museo foi sobre Acuarelas de Turner; e en 1982, a conmemorativa do centenario de Murillo, en que se expuxeron por primeira vez en España os debuxos do artista. Entre as moitas exposicións que comisariou no Prado destacan Manet no Prado (2003-2004), Goya en tempos de guerra (2008), Francis Bacon (2009), As meninas de Richard Hamilton, 2010, A Beleza Encerrada. De Fra Angelico a Fortuny  (2013) y Goya en Madrid. Os cartóns de tapices.
 
Juan José Lahuerta é Xefe de Coleccións do Museo Nacional de Arte de Cataluña e profesor de Historia da Arte na Escola de Arquitectura de Barcelona. Entre os seus últimos libros poden citarse Religious Painting. Picasso and Max von Moos (2014), Photography or Life. Popular Mies (2015), On Loos, Ornament and Crime (2015), Marginalia. Aby Warburg, Carl Einstein (2015), Antoni Gaudí. Fuego y cenizas (2016). Pertence ao consello de redacción de Casabella (Milano) e é fundador de Mudito & Co (Barcelona). Foi asesor do Museo Nacional Centro de Arte Raíña Sofía (Madrid), membro do Collegio Docente del Istituto Universitario di Architettura di Venezia IUAV, conservador do Museu Picasso (Barcelona) e profesor en New York University.
 
Agustín Sánchez Vidal é catedrático Emérito de Historia da Arte (Cine e Outros Medios Audiovisuais) na Universidade de Zaragoza e foi profesor convidado en varias universidades estranxeiras, como as de Princeton e Nanterre. En 1980 colaborou con Luis Buñuel na edición da súa Obra Literaria, que revisou xunto ao cineasta. En 1988 gañou co seu libro Buñuel, Lorca, Dalí: el enigma sin fin o premio "Espello de España" de Editorial Planeta. Dedicou tres monografías a Dalí, nas editoriais Alianza, Electa e Aldeasa; e en 2004 fíxose cargo do tomo terceiro das súas Obras Completas para Ediciones Destino. Colaborou no volume que a Mostra do Cinema de Venecia dedicou a Buñuel en 1984, no monográfico sobre L'Age d'Or publicado en 1993 polo Centro Pompidou e en retrospectivas como Salvador Dalí: os anos mozos, organizada en 1994 pola Hayward Gallery e o Museo Nacional Centro de Arte Raíña Sofía; e Dalí and Film, organizada en 2008 pola Tate Modern.