Inicio / Sala de prensa / Galicia na encrucillada. Ciclo de Conferencias sobre Demografía e Futuro. José Luis Cordeiro

BUSCAR

FILTRAR

ÁREA
DATA

Memoria Anual 2017

Memoria corporativa e edicións anteriores

SUBSCRICIÓN AO NEWSLETTER

Reciba no seu correo toda a actualidade da Fundación Barrié

Subscribirse

CONTACTO DE PRENSA

Suzana Mihalic
Directora de Comunicación e Imaxe Corporativa


T. +34 981 060 091 / 659 459 030
smihalic@fbarrie.org


“Demografía e tecnoloxía: a morte da muerte” no marco do ciclo de conferencias "Galicia na encrucillada. Ciclo de conferencias sobre demografía e futuro", organizado pola Fundación Barrié e APD

20-11-2017

O profesor de orixe venezolana achega a súa visión futurista e transhumanista sobre lonxevidade e demografía ao ciclo “Galicia na encrucillada", organizado pola Fundación Barrié e a Asociación para o Progreso da Dirección, que se iniciou o 17 de outubro coa celebración dun grande encontro sobre demografía e futuro.

José María Arias, Presidente da Fundación Barrié, presentando a José Luis Cordeiro
© Fundación Barrié

A Coruña, 20 de novembro de 2017. As novas tecnoloxías permitirán non só alongar a vida, senón tamén rexuvenecer ás persoas ata o punto de que poderemos declarar “a morte da morte”. Esta é a futurista tese que sostén o profesor José Luis Cordeiro membro da Academia Mundial de Arte e Ciencia, presidente do Nodo de Venezuela do Proxecto Milenio e fundador e asesor de enerxía da Universidade de Singularity na NASA, entre outros cargos.
 
Cordeiro impartiu unha conferencia titulada “Demografía e tecnoloxía: a morte da morte” na sede da Coruña da Fundación Barrié no marco do ciclo de conferencias "Galicia na encrucillada. Ciclo de conferencias sobre demografía e futuro", organizado pola Fundación Barrié e a Asociación para o Progreso da Dirección.
 
No transcurso do seu encontro cos medios de comunicación, José Luis Cordeiro esgrimiu os puntos básicos da súa tese: “Eu teño dúas premisas: non penso morrer e, ademais, penso ser máis novo dentro de 30 anos”, indicou. Explicou que xa hai avances científicos que avalan a súa formulación, entre os que citou estudos sobre ratos nos que se conseguiu triplicar a lonxevidade dos roedores ou conseguir un rexuvenecemento das súas células dun 40%, e lembrou ao premio Nobel de Shinya Yamanaka por reprogramar células maduras para “rexuvenecelas” ata o seu estado de células nai. “Isto non é unha cuestión de se a morte da morte e o rexuvenecemento das persoas vai ocorrer ou non, é só cuestión de cando vai ocorrer”, e cifrou en 30 anos o tempo máximo para que as novas tecnoloxías poidan acabar coas enfermidades e o envellecemento celular.
Por iso concluíu que nun par de décadas “deberemos decidir se queremos estar entre a última xeración de mortais ou a primeira de inmortais”.
Na súa exposición revelou que o seu “plan A” é a inmortalidade, pero tamén indicou que hai un plan B para as persoas que non poden esperar eses 20 anos: a criopreservación. Esta técnica, que xa se aplica na conservación dalgúns tecidos e órganos, servirá, na súa opinión, para conservar cerebros ou corpos humanos ata que exista unha tecnoloxía para reanimalos. “Na actualidade xa se criopreservan tecidos e órganos, esperma, óvulos e ata embrións. Xa hai milleiros de humanos que foron crioxenizados en forma de embrión”, indicou, e suxire que nun prazo de 40 ou 50 anos “imos ter tecnoloxía para reanimarmos os crioperservados”.
A súa visión futurista, porén, presenta algunhas incógnitas desde o punto de vista da demografía, como a maneira na que a lonxevidade indefinida afectará tanto ao equilibrio da poboación como aos recursos dispoñibles no planeta.
Respecto ao primeiro caso, Cordeiro apuntou que “as poboacións en países avanzados están diminuíndo notablemente, así que é falso que o mundo estea sobrepoboado”. Sostén que “economicamente falando, tendo en conta que cando hai escaseza de oferta os prezos suben, a subida constante dos salarios demóstranos que en realidade hai poucos humanos”, indicou, e explicou que o crecemento da poboación é o que fixo avanzar tecnoloxicamente ao mundo porque “as persoas non veñen ao mundo só con bocas, tamén teñen cerebros” que nos fan avanzar, crear novas tecnoloxías e ser máis eficientes. Polo tanto, concluíu que “necesitamos máis cerebros, non menos”.
Sobre a posible escaseza de recursos, sinalou a eficiencia que proporcionan as novas tecnoloxías como o remedio para “conseguir moito máis con moito menos”. Fixo un repaso histórico de como dunha economía de caza e recolección que non permitía máis dun millón de habitantes nas orixes da humanidade se foi pasando a novas técnicas e tecnoloxías (como a agricultura e a gandaría) que achegaron cada vez máis recursos a unha poboación en aumento. As novas tecnoloxías farán este papel no futuro, dixo. Como exemplo, argumentou que “en 20 anos non haberá lixo, a nanotecnoloxía fará que o que hoxe chamamos lixo sexa materia prima”. Tamén citou a inminente colonización do sistema solar, comezando polas bases lunares permanentes e a colonización de Marte, o que nos dotará de moitos máis recursos.
Como colofón, citou as tres pontes necesarias para acadar a lonxevidade indefinida. O primeiro, que ocupa a década actual, consiste en “facer caso dos consellos da túa nai: come ben, durme ben, non fumes…”, en definitiva, trátase de coidarse, indicou. A segunda ponte, que ocupará a seguinte década, basearase na aplicación en humanos de terapias biotecnolóxicas como as que xa se están experimentando en ratos con éxito. A terceira ponte, que chegará sobre o 2030, estará centrada en terapias con nanotecnoloxía, con microscópicos robots que, por exemplo, limparán as nosas arterias de placas de colesterol e combaterán directamente as enfermidades para rexuvenecer constantemente os corpos.
A conferencia de José Luis Cordeiro complementa o ciclo "Galicia na encrucillada", organizado pola Fundación Barrié e a Asociación para o Progreso da Dirección, que se iniciou o 17 de outubro coa celebración dunha xornada sobre a nosa demografía e futuro. Neste ciclo trátase de dar resposta a cuestións sobre o que supón o cambio demográfico, cal é a situación en España e Galicia ou cara onde nos dirixe este envellecemento progresivo da poboación.

PARA VISUALIZAR A CONFERENCIA ÍNTEGRA DE JOSÉ LUIS CORDEIRO, CLIQUE AQUÍ

RECURSOS DISPONIBLES

Videos