Inicio / Sala de prensa / Presentación da restauración do Pórtico da Gloria

BUSCAR

FILTRAR

ÁREA
DATA

Memoria Anual 2017

Memoria corporativa e edicións anteriores

SUBSCRICIÓN AO NEWSLETTER

Reciba no seu correo toda a actualidade da Fundación Barrié

Subscribirse

CONTACTO DE PRENSA

Suzana Mihalic
Directora de Comunicación e Imaxe Corporativa


T. +34 981 060 091 / 659 459 030
smihalic@fbarrie.org


Proxecto de conservación e restauración do Pórtico da Gloria e o seu contorno, englobado no Programa Catedral de Santiago.

27-06-2018

O Pórtico da Gloria tras a súa restauración
© Fotografía: Pixi Arnoso / Copyright Programa Catedral / Fundación Barrié e Fundación Catedral

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2018.- José María Arias Mosquera, Presidente da Fundación Barrié, e o Arcebispo de Santiago e Presidente da Fundación Catedral, Julián Barrio y Barrio, presentaron hoxe, 28 de xuño de 2018, a culminación do proxecto de conservación e restauración do Pórtico da Gloria e o seu contorno, enmarcado no Programa Catedral de Santiago.

O Programa Catedral de Santiago foi promovido pola Fundación Catedral e a Fundación Barrié en colaboración coa Consellería de Cultura da Xunta de Galicia e o Instituto do Patrimonio Cultural de España do Ministerio de Cultura e Deporte.

A restauración do Pórtico da Gloria foi posible grazas ao mecenado da Fundación Barrié. Dos máis de 400 millóns de euros que a Fundación destinou a Galicia desde 1966, o 36% corresponde a programas de Patrimonio e Cultura e desta cantidade, soamente 11 millóns de euros foron destinados a proxectos de conservación, posta en valor e restauración na Catedral de Santiago dos cales máis de 6 millóns foron destinados ao Programa Catedral sen contar o investimento no programa de difusión e concienciación sobre a importancia de preservar o noso patrimonio, un programa que contou con arredor de 1 millón de usuarios en España e no estranxeiro.

A Fundación Barrié reafirma así o seu histórico e sólido compromiso co Patrimonio de Galicia, tanto material como inmaterial, desenvolvendo e apoiando iniciativas encamiñadas á súa posta en valor e conservación. O proxecto de conservación e restauración do Pórtico da Gloria e o seu contorno, englobado no Programa Catedral de Santiago, súmase a proxectos tan relevantes como a catalogación arqueolóxica e artística de Galicia; a recuperación do coro pétreo do Mestre Mateo; a reprodución en madeira dos instrumentos do Pórtico ou a publicación dos Cancioneiros.

Esta ambiciosa intervención, precedida por un exhaustivo estudo previo que puxo en evidencia a dramática deterioración do Pórtico da Gloria acelerada nos últimos dez-quince anos segundo se puido comprobar polo material fotográfico existente e a urxencia da intervención sobre esta obra cimeira do románico europeo, permitiu estabilizar o conxunto e preservar a policromía que aínda se conserva dun risco inminente de perda definitiva, conservándoa para futuras xeracións.

Un proxecto de investigación e multidisciplinar baseado no rigor e na excelencia

Desde o seu inicio púxose especial énfase na investigación e na transversalidade, contando con especialistas de todos os campos e poñendo en práctica as cartas de protocolo dos organismos internacionais como ICOMOS, ICCROM, ICOM que velan pola excelencia e as boas prácticas nas intervencións.

Tamén supuxo unha oportunidade de excepción para profundar no coñecemento desta obra e da arte románica en xeral, así como nos procesos de deterioración que afectan aos conxuntos de pedra policromada, poñendo a punto criterios de intervención e metodoloxías de traballo que unha vez sistematizados poderán servir de modelo para outras actuacións.

O proceso de restauración desenvolveuse en varias fases, iniciándose no ano 2009 os estudos e diagnóstico que permitiron a redacción dunha proposta de intervención. En 2015 completouse a montaxe da estada para poder acceder a todos os relevos do nártex, abordando a intervención directa sobre os materiais.

Desde o seu inicio o proxecto apostou pola investigación e a súa duración no tempo permitiu atraer numerosos especialistas nacionais e internacionais de todas as disciplinas, que achegaron a súa experiencia para profundar no coñecemento de diversos aspectos como as diferentes etapas construtivas, as transformacións do espazo, o seu uso, significación, programa iconográfico, os materiais empregados para a talla, as técnicas decorativas utilizadas para o policromado e a adaptación da súa estética a través dos séculos.

Policromías

Durante a fase de intervención confirmouse a existencia de tres policromados ao óleo que cambiaron a imaxe do Pórtico. Unha primeira policromía con decoración medieval da que se conservan bastantes vestixios como se pode apreciar no anxo que porta a columna ou os que portan a cruz e que conservan por completo a primeira policromía (azul lapislázuli) pero que se identificou grazas ao exhaustivo estudo realizado “in situ” en cada escultura mediante microscopía estereoscópica contrastado nos laboratorios do Instituto do Patrimonio Cultural de España con análises estratigráficas, cromatografía de gases, espectroscopía infravermella, espectroscopía Raman, difracción e fluorescencia de raios X, entre outras técnicas utilizadas. Puidéronse identificar a coidada técnica e os ricos pigmentos empregados para a súa execución: albaialde, lapislázuli, vermellón, pigmentos de terras, pigmento-laca vermella, resinato de cobre, verdete, negro carbón vexetal e negro de ósos sempre aglutinados con aceite de liño. Empregaron láminas metálicas de ouro puro e de maneira puntual prata. As decoracións das vestiduras son fundamentalmente a base de medias lúas, formas polilobuladas, cadrados e círculos, utilizando a técnica do estampado sen relevo. Un apartado salientable son as encarnacións, xa que en gran medida achegan unha información moi descritiva respecto á elaboración da policromía das figuras humanas, pois a cor lograda é o que lles dá vida e expresión. As encarnacións da primeira policromía están aplicadas en capas moi finas, compostas principalmente por albaialde, carbonato cálcico e vermellón, e de modo xeral a cor que se aprecia é un rosado moi claro.

A segunda policromía dataríase no século XVI coincidindo coas modificacións primeiras da portada exterior e momento de importantes obras no templo.

A utilización da cor é diferente neste caso; as azuis son azuritas nalgúns casos moi alteradas na actualidade; para as vermellas, utilizan vermellón e laca vermella de cochinilla; para as verdes, verde de cobre e para as brancas pigmentos de chumbo. As encarnacións son de cor máis intensa que na primeira policromía.

Se ben os materiais utilizados non foron tan exclusivos, a singularidade máis destacable desta segunda intervención é a decoración de mantos e túnicas con brocados aplicados, técnica de orixe flamenca que consiste en imitar en relevo os ricos tecidos bordados con ouro da época. Consérvanse na actualidade en maior porcentaxe nos mantos e túnicas dos profetas e apóstolos.

As figuras do apóstolo Santiago do Parteluz e o Pantocrátor probablemente tamén tiveron decoración con brocados nos mantos, pero non se conservan restos.

A terceira policromía é a que se encontra máis visible na actualidade. Realizaríase no século XVII. A paleta cromática utilizada é moi semellante á renacentista. Salientando unha maior presenza da lámina de ouro, achegando un carácter barroquizante ao pórtico.

Crispín de Evelino aplicou a policromía ás facianas, ás mans e aos pés en 1651, deixando constancia nun documento conservado no arquivo da Catedral, único documento que se conserva sobre as policromías do Pórtico.

A partir deste momento aparecen policromados parciais realizados cunha intención reparadora nas zonas máis degradadas, así como veladuras nas figuras e encalados brancos ou coloreados na arquitectura do nártex que se aplicarían a partir do século XIX.

Un episodio de grande interese é a realización do baleirado en xeso para o Victoria and Albert Museum de Londres en 1866. Grazas a un convenio de colaboración coa Fundación Barrié e ao proxecto europeo ARCHLAB3 puidéronse relacionar ambas obras, e así mesmo identificar os materiais empregados para o traballo e a súa posible relación con algúns procesos de deterioración. O achado dun coitelo con restos de escaiola e unha caixa de mistos datada no último cuarto do século XIX depositada nunha xuntura do tímpano son probas inequívocas deste momento.

Técnicas de nova xeración

O Pórtico estaba nunha situación crítica con constantes desprendementos de material e afectado por complexos mecanismos físico-químicos de degradación de materiais. Ademais, os produtos que se aplicaran nas últimas intervencións, moi pouco compatibles co monumento, agravaban aínda máis esta situación.

Empregáronse un amplo rango de produtos e sistemas de nova xeración para a conservación das policromías, granitos, mármores e morteiros.

Igualmente se testou unha ampla gama de produtos para a limpeza, fixación e consolidación dos materiais, someténdoos a ciclos de avellentamento en cámaras de ensaios con condicións semellantes ao Pórtico.

A metodoloxía de traballo permitiu pór a punto un protocolo de avaliación do risco e a eficacia de cada tratamento e realizar un continuo seguimento do seu comportamento durante o desenvolvemento dos traballos. Este protocolo xerou un proxecto de investigación do Plan Nacional de Investigación en Conservación e presentarase ao Comité Europeo de Normalización.

Os criterios de intervención foron moi conservadores, mantendo todos os restos da cor conservados e retirando unicamente os depósitos nocivos amoreados sobre a superficie e que poidan afectar á estabilidade dos materiais históricos, como é o caso da sucidade, as sales, os restos de natureza biolóxica, os morteiros de cemento e os produtos consolidantes acrílicos pouco compatibles coa superficie orixinal. Non cumpriu reconstruír as fallas na policromía dada a unidade estética acadada cos tratamentos de limpeza e estabilización aplicados, poñendo especial énfase no selado de fendeduras e xuntas integradas de xeito cromático co soporte pétreo.

Tamén para a documentación se recorreu ás últimas tecnoloxías, empregando técnicas fotogramétricas de alta resolución, dixitalización 3D así como bases de datos para a xestión do inxente volume de imaxes e textos acumulados durante estes anos. Todos os datos se almacenan na aplicación Sandstone, implementado pola Fundación Catedral Santa María de Vitoria e creada por Integrated Conservation Resources (ICR) baixo o patrocinio da World Monuments Fund e incorporada ao proxecto grazas a un convenio específico entre estas entidades, a Fundación Catedral e a Fundación Barrié.

  •  

     

  •  

     

  •  

     

  •  

     

  •  

     

  •  

     

  •  

     

  •  

     

  •  

     

  •  

     

  •  

     

  •  

     

  •  

     

  •  

     

  •  

     

  •  

     

  •  

     

  •  

     

  •  

     

  •  

     

  •  

  •  

  •  

  •  

  •  

  •  

  •  

  •  

  •  

  •  

  •  

  •  

  •  

  •  

  •  

  •  

  •  

  •  

  •  

  •  

RECURSOS DISPONIBLES

Imaxes