Inicio / Sala de prensa / Presentación da web dos fondos documentais RSEAPS

BUSCAR

FILTRAR

ÁREA
DATA

Memoria Anual 2016

Memoria corporativa e edicións anteriores

SUBSCRICIÓN AO NEWSLETTER

Reciba no seu correo toda a actualidade da Fundación Barrié

Subscribirse

CONTACTO DE PRENSA

Suzana Mihalic
Directora de Comunicación e Imaxe Corporativa


T. +34 981 060 091 / 659 459 030
smihalic@fbarrie.org


16-03-2017

  • O proxecto de dixitalización do arquivo da Real Sociedad Económica de Amigos del País de la Ciudad de Santiago (RSEAPS), levado a cabo en 2011 baixo o mecenado da Fundación Barrié no marco da IV Convocatoria de Patrimonio Vivo, significou a incorporación de máis de 160.000 imaxes de documentos manuscritos dos séculos XIX e XX que conteñen información sobre todos os aspectos da economía galega: a emigración, os foros, as entidades de crédito, a educación, a construción do ferrocarril, a pesca, a agricultura.
  • Tanto a dixitalización como a páxina web supoñen un investimento por parte da Fundación Barrié de 110.000 euros.
  • En total, desde 1968, a Fundación Barrié destinou á RSEAP de Santiago arredor de medio millón de euros.
  • A web incorpora unha ferramenta que é unha novidade para a transcrición de documentos que se fagan accesibles a texto completo para os buscadores de Internet e os investigadores.
  • O apoio da Fundación Barrié materialízase na realización e mantemento da web, rseaps.fundacionbarrie.org

José María Arias, presidente da Fundación Barrié, no uso da palabra na presentación da web RSEAPS
© Fundación Barrié

Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2017.-  A Fundación Barrié e a Real Sociedad Económica de Amigos del País de la Ciudad de Santiago presentan unha páxina web (rseaps.fundacionbarrie.org) para o acceso libre ao seu arquivo dixitalizado. O proxecto foi presentado hoxe xoves 16 de marzo en Santiago, nun acto no que participaron o presidente da Fundación Barrié, José María Arias Mosquera, o presidente da Real Sociedad Económica de Amigos del País de la Ciudad de Santiago, Juan Bautista de la Salle Barreiro Pérez e o responsable da Biblioteca da Fundación Barrié, Diego Rodríguez González.
 
O presidente da Fundación Barrié, José María Arias, manifestou que “a mesma idea: a educación da sociedade e a protección dos desfavorecidos que inspirou a estes homes de finais do século XVIII a fundar unha sociedade, é, por expresa decisión do noso fundador, Pedro Barrié de la Maza, a dobre aspiración da Fundación Barrié. Ás veces, máis das que puidese parecer á primeira vista, hai que aprender da historia para repetila”.
 
Conservar e difundir o patrimonio que supón os fondos do arquivo da Real Sociedad Económica para Galicia son os obxectivos deste proceso que, ademais, facilitará o acceso dos cidadáns a uns fondos únicos.
 
De entre as numerosas tipoloxías documentais que emanaron das actividades da RSEAPS, os informes publicados polos membros da Sociedad destacan por ser estudos, as máis das veces, de gran rigor científico e que achegan solucións aos diversos problemas da economía galega naqueles anos: os foros e subforos, a emigración, a minería, a extracción abusiva da lagosta, a conservación do peixe, as causas da crise do gando vacún, etc. Como exemplo destes informes, cabe mencionar:

  • Para o estudo da historia da Pesca: Expediente sobre a utilidade ou prexuízo que carrexan os aparellos chamados “Artes e Xeito” para a pesca da sardiña en Galicia.
  • Para o estudo da historia da Agricultura: Ditame acerca da conveniencia de perseguir ou favorecer as aves, a propagación por ser nocivas ou útiles á agricultura. Acompaña un catálogo de aves en Galicia clasificado en beneficiosa ou non.
  • Para o estudo da historia da Emigración: Informe dado por unha Comisión da Sociedad Económica polo que se demostra que no hai exceso de poboación en Galicia cuxa emigración deba favorecerse cara a aquela illa (Cuba).
  • Para o estudo da historia local: Expediente sobre a reunión de materiais para a formación dunha historia topográfica de Santiago.
  • Así mesmo, no arquivo da RSEAPS pódese encontrar información valiosa sobre o ferrocarril, xa que a Sociedad formou parte da Junta Mixta del Ferrocarril ou sobre as Exposicións Rexionais, así como o manuscrito orixinal da obra de Joaquín Díaz de Rábago A industria da pesca en Galicia ou a acta da Sesión Extraordinaria asinada por Afonso XII en 1858.

Por outra parte, entre os seus documentos encóntranse numerosas publicacións periódicas do século XIX e principios do XX, ademais das que editaba a propia Sociedad, como por exemplo Revista Económica e El Centenario, periódico ilustrado con gravados e litografías, que contén traballos científicos e literarios.
 
Ademais da necesidade de elaborar instrumentos de descrición documentais que permitan a difusión dos fondos da RSEAPS, resulta fundamental dixitalizar os documentos para favorecer a súa conservación xa que algúns contan con máis de 200 anos de antigüidade. A súa dixitalización facilitará a consulta por parte dos investigadores que non terán que desprazarse, e ademais favorecerá a conservación dos fondos, ao reducirse a manipulación destes.

Real Sociedad Económica de Amigos del País de la Ciudad de Santiago

A Real Sociedad Económica de Amigos del País de la Ciudad de Santiago (RSEAPS) é unha institución creada en 1784, cunha extensa traxectoria histórica na realización de actuacións dirixidas ao fomento da agricultura, gandería, industria, pesca, finanzas, ensino e cultura no eido galego, en xeral, e de Santiago de Compostela, en particular.
 
A Real Sociedad demostrou o seu interese pola difusión da instrución pública promovendo gran cantidade de escolas, nas que se intentaba formar en distintas especialidades a boa parte da xuventude de Santiago. O seu esplendor producirase ao longo do s. XIX coa participación activa, entre outros, de: Juan Armada, marqués de Santa Cruz; o xurisconsulto Joaquín Díaz de Rábago; os profesores da Universidade Antonio Casares, Domingo Fontán, José Varela de Montes, Narciso Zepedano, Vicente Martínez de la Riva, Salvador Parga, etc...
 
Entre as súas propias publicacións pode destacarse Seminario Instructivo: Periódico de agricultura, ciencias naturais y artes e Revista Económica: Periódico agrícola, artístico y comercial de la Real Sociedad e a Revista de la Sociedad de Amigos del País de Santiago. Por outra parte, a RSEAPS intenta formar ao campesiño por medio dunha instrución teórica, que realiza a través da Cátedra de Agricultura, hortas de ensaios e granxas modelo; trata tamén de fomentar o seu interese pola competencia, mediante a celebración de Concursos Rexionais. Outra maneira de proxectarse á sociedade galega será a través de sucesivas exposicións en 1858, 1875, 1885, 1897, 1909 e 1941, coincidindo coa celebración dos Anos Santos, delas a de máis relevancia foi a de 1909. Os criterios ilustrados da RSEAPS puxéronse de manifesto coa creación dunha biblioteca en 1834.
 
A RSEAPS comprometeuse desde mediados do século XIX co desenvolvemento do ferrocarril en Galicia, colaborando na creación da liña férrea Santiago-Carril que se inauguraría o 15 de setembro de 1873. Ademais impulsou o establecemento dunha Caixa de Aforros e Monte de Piedade en Santiago, que comezou a súa actividade en 1880, aínda que os vogais da Sociedad Económica traballaran na elaboración dos seus Estatutos desde o mes de novembro de 1877. Tamén a RSEAPS, contribúe ao establecemento dunha sucursal do Banco de España en Santiago de Compostela. A RSEAPS foi declarada asociación de utilidade pública por Orde Ministerial do 24 de febreiro de 1998.
 
Desde 1968 a Fundación Barrié apoiou as actividades da RSEAPS con axudas anuais destinadas á mellora de equipamentos e instalacións, así como a subvencionar actividades culturais, educativas e sociais lideradas pola RSEAPS. Esta colaboración iniciouse en 1968 coa subvención directa ás actividades de educación e dotación da ensinanza de Vidreira Artística Policromada (1968-1970). En total, desde 1968, a Fundación Barrié destinou á RSEAPS arredor do medio millón de euros.

RECURSOS DISPONIBLES

Imaxes

Videos