Ricard Terré. Obras mestras

Inicio / Patrimonio e Cultura / Exposicións / Ricard Terré. Obras mestras

Ricard Terré. Obras mestras

Desde o 20 de maio ao 30 de outubro de 2011, sede Vigo

A Fundación Barrié inaugura na súa sede de Vigo a exposición Ricard Terré. Obras Mestras, retrospectiva que recolle o traballo do fotógrafo Ricard Terré (Sant Boi de Llobregat, 1928 – Vigo, 2009) e producida en colaboración con La Fábrica.
 
A través dun percorrido antolóxico formado por 121 fotografías de diferente formato, seleccionadas polo comisario da exposición Chema Conesa, a muestra pretende facer unha relectura da obra deste catalán instalado en Vigo desde 1959 ata o seu pasamento. A exposición complétase con “Verán fotográfico”, un amplo programa didáctico de balde arredor das dúas exposicións de fotografía que mostra a Fundación Barrié: Ricard Terré. Obras Mestras en Vigo e morada do home. Fotografías da colección Martin Z. Margulies, que se inaugura o 3 de xuño na Coruña.
 
 
En palabras do comisario da exposición, Chema Conesa, “Ricard Terré pertence á xeración que máis e mellor contribuiu á modernización da linguaxe fotográfica no noso país. O traballo desta xeración –Miserach, Maspons, Masats, Ubiña, e Pomés, Pérez Siquier, Ontañón, Cualladó, Gómez...-  cada un desde o seu persoal rexistro, supuxo a ruptura coa ortodoxia da ollada única, e avanzou a multiplicidade de visións persoais que se podían obter coa fotografía. Nesta xeración de fotógrafos mesturáronse profesionais e afeccionados. Os primeiros cambiaron a maneira de representaren a realidade afastándoa dos estereotipos tradicionais, os outros, menos comprometidos co oficio, desenvolveron unha visión persoal e íntima que supuxo a exploración de novos camiños e a introdución de emocións e suxestións máis alá do contido das imaxes. Ricard Terré é un destes afeccionados sen maior compromiso coa fotografía que retratar o que lle interesa”.

CONTIDOS RELACIONADOS