Víctor Said Armesto

Inicio / Patrimonio e Cultura / Exposicións / Víctor Said Armesto

Víctor Said Armesto. A lección dun cidadán libre

Do 21 de outubro de 2015 ao 28 de febreiro de 2016, sede Vigo

A Fundación Barrié inaugura na súa sede de Vigo a exposición e proxecto educativo Víctor Said Armesto. A lección dun cidadán libre, que achega á cidadanía, ata finais de febreiro de 2016, unha figura imprescindible na cultura española no tránsito do século XIX ao XX, escasamente coñecida na actualidade e cuxo arquivo persoal foi doado á Fundación pola sua filla Eugenia Said Santoro en 1992, e que se custodia na Biblioteca da Fundación na Coruña.
 
A exposición é unha produción propia da Fundación Barrié, en colaboración coa Xunta de Galicia, o Museo do Pobo Galego e a Deputación de Pontevedra. A mostra, que ocupa as plantas 3ª e 4ª da sede, pretende contextualizar a figura do polígrafo, a través da voz dos seus contemporáneos e da documentación do propio Said e intenta pór de relevo dúas características morais que son tamén características intelectuais: a independencia de criterio e a solidez e coherencia coa que Said intérnase nos máis diferentes campos culturais e humanísticos. Por iso non existe solución de continuidade entre a súa actividade política, filosófica, xornalística e filolóxica, e toda ela está impregnada dun sentimento de galeguidade que o caracteriza.
 
Víctor Said Armesto. A lección dun cidadán libre trata de dar unha visión intelectual e humana da figura de Víctor Said Armesto, a través do seu legado escrito, dándolle voz aos seus contemporáneos e contextualizando a súa obra, coa finalidade de rescatala do esquecemento. Por ela transitan os amigos e mentores de Said: Manuel Murguía, Miguel de Unamuno, Indalecio Armesto ou Emilia Pardo Bazán; as cidades que marcaron a súa vida: Pontevedra e Madrid, ou os temas de relevancia universal nos que Said foi quen de facer unha achega orixinal como o mito de don Xoán, ou o de Tristán, que Said iluminou desde a tradición recollida en Galicia.

A exposición acompáñase dun programa educativo, de balde para o público, composto por obradoiros para escolares, familias e outros colectivos, visitas comentadas e campamentos de Nadal. Reservas no 981 060 095.


Nota de prensa Said Armesto


Exposición Said Armesto


Programa didáctico

GALERÍA DE IMAXES

CONTIDOS RELACIONADOS