Inicio / Ciencia / Apoio á investigación científica / Fondo de Ciencia / Nasasbiotech

Nasasbiotech

Este proxecto pretende desenvolver un sistema para interferir na diseminación das chamadas células tumorais circulantes (CTC) responsables do cancro metastásico que é a principal causa das mortes por esta enfermidade. Trátase dunha solución complementaria aos tratamentos existentes na actualidade e que permitiría mellorar a eficacia destes. Este proxecto está liderado polo Laboratorio de Oncoloxía Translacional e o Servizo de Oncoloxía Médica do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) e conta coa participación dos Grupos de Investigación Ciclo Celular e Oncoloxía e NanoBioFar da USC.

En novembro de 2014, nace a spin off Nasasbiotech, xurdida da colaboración entre a Fundación Ramón Domínguez e a Fundación Barrié. A empresa ten como obxectivo a introdución no uso clínico dunha nova estratexia para o control do cancro metastásico. Para islo desenvolveuse un dispositivo a escala nanométrica que ten a capacidade de capturar as células tumorais circulantes responsables do cancer metastásico. Coa denominación de MTRAP, localiza a carga tumoral nun paciente e permite o tratamento con terapias probadas tales como cirurxía, radioterapia e quimioterapia localizada. MTRAP fai posible que a enfermidade se focalice e polo tanto sexa máis doado o seu control por parte do clínico.

Os promotores principais de Nasasbiotech son Rafael López, Xefe de servizo de oncoloxía médica do CHUS; Miguel Abal, líder do Laboratorio de Oncoloxía Médica Translacional do IDIS; Alexandre de la Fuente, investigador principal do proxecto MTRAP e a Fundación Barrié. O proxecto foi finalista no Premio BIOGA á Mellor Idea Empresarial 2014.