Biblioteca de Carlos Martínez Barbeito

Inicio / Patrimonio e Cultura / Fondo documental / Biblioteca de Carlos Martínez Barbeito

Biblioteca de Carlos Martínez Barbeito

A biblioteca Martínez-Barbeito ten a súa orixe na colección que no seu día formou Andrés Martínez Salazar, que pasou logo a mans do seu fillo Fernando Martínez Morás - quen a enriqueceu notablemente- e que por último recolleu o seu neto Carlos Martínez-Barbeito (1913-1997), fillo de Juan Martínez Morás e a eminente pedagoga María Barbeito Cerviño, quen continuou ampliándoa ao longo da súa vida, ata crear unha das máis importantes coleccións de bibliografía galega.
Conta con algo máis de 11.000 volumes de obras relativas a Galicia, impresas en Galicia ou de autor galego, e cronoloxicamente abrangue títulos dos séculos XVI a mediados do XX.

Salientan as coleccións de xenealoxía e heráldica; todo o referente ao culto ao Apóstolo e ao Camiño de Santiago; regulamentos e estatutos de asociacións e institucións; as obras do padre Feijoo e as pertencentes á polémica sobre o Teatro Crítico Universal ; tratados dos civilistas galegos dos séculos XVI e XVII como Álvaro Paz de Quiñones, Juan García de Saavedra, Juan García Gallego, Gaspar Rodríguez ou Francisco Salgado de Somoza; canonistas do século XVII como Antonio Graña Nieto ou Rodrigo de Mandiá; procesalistas do XVIII como José Febrero ou Bernardo Herbella de Puga; pensadores e doctrinarios xurídicos do propio século da Ilustración como Juan Francisco de Castro; unha importante colección de Reales Cédulas, Reales Órdenes, editos, etc., que na súa maioría son reimpresións galegas das publicadas en Madrid e algunhas referidas exclusivamente a Galicia (levas militares, fábricas como a de Sargadelos, etc.); bandos dos Concellos constitucionais, fundamentalmente da Coruña e Santiago, proclamas; a Guerra da Independencia en Galicia, publicacións menores sobre alistamentos e a vida no exército; a Guerra de Cuba; o ferrocarril en Galicia; foros e obras de interese do punto de vista da economía sobre agricultura, pesca, banca, créditos etc., e unha importante colección de partituras de compositores galegos.