Historia

Durante os seus cincuenta anos de historia a Fundación Barrié apoiou o desenvolvemento de Galicia en todos os ámbitos: creando infraestruturas educativas e de comunicación, sendo pioneira na introdución das tecnoloxías no ensino, editando obras de referencia no eido das humanidades e da economía, outorgando bolsas para o mellor talento do noso país coa vista posta no retorno, participando activamente na loita pola conservación do patrimonio.


Constitución da Fundación

1966

Pedro Barrié de la Maza crea a Fundación que leva o seu nome cun patrimonio inicial de 3.300 millóns de pesetas.

anterior

siguiente

Biblioteca da Real Academia Galega

1968

A colaboración coa Real Academia Galega comezaba coa axuda para a catalogación da súa biblioteca, unha das máis importantes de Galicia con máis de 60 000 volumes dedicados a temática galega. Colección fundada ao mesmo tempo que a Academia ao que se engade o atractivo de conter as bibliotecas de importantes personalidades da nosa cultura como Emilia Pardo Bazán, Manuel Murguía, Marcial del Adalid, Galo Salinas ou Luís Seoane.

anterior

siguiente

Música en Compostela

1968

Música en Compostela naceu como un curso universitario internacional da Universidade de Santiago no ano 1958. A participación da Fundación, que se concretou entre outras achegas na adquisición dun piano de cola aparece indisolublemente ligada á persoa de Margarita Pastor de Jessen, unha das promotoras da iniciativa e vogal da Fundación desde a súa constitución. En 2014, a Fundación recibiu a Medalla de Ouro de Música en Compostela.

anterior

siguiente

Convenio para a dotación dos Teleclubs

1968

A rede española de teleclubs, creada polo Ministerio de Información, pretendía aproveitar as posibilidades de educativas e culturais da televisión, creando centros para dar acceso colectivo aos daquela prohibitivos aparellos. O proxecto, promocionado pola Unesco, ten os seus antecedentes en Canadá, e en España adoptouse o modelo francés. A achega da Fundación Barrié a través dun convenio co ministerio fixo posible que Galicia, unha rexión cunha especial dispersión xeográfica e un importante predominio da poboación rural fose a rexión española que contase con máis Teleclubs.

anterior

siguiente

Centro de Cálculo Pedro Barrié de la Maza

1969

O Centro de Cálculo na Universidade de Santiago contou no seu inicio con un IBM 1130, o primeiro ordenador da Universidade de Santiago e un dos primeiros en Galicia. O seu uso non se limitou a apoiar aquelas disciplinas que requirían complicados cálculos, senón que tamén foi ao redor deste equipo onde profesores e estudantes recibiron os primeiros cursos de programación informática, un importante fito na historia da educación en Galicia.

anterior

siguiente

Instituto da Lingua Galega

1971

O Instituto da Lingua Galega naceu no seo da Universidade de Santiago coas seguintes fins: "o estudo, promoción e cultivo da lingua galega, a investigación da súa realidade lingüística, a continuación do rexistro bibliográfico galego, a realización dos traballos sobre dialectoloxía galaico-portuguesa, a promoción de teses de doutoramento sobre temas de Filoloxía e Lingüística galegas e portuguesas, a formación do persoal investigador e servir de órgano de relación entre profesores españois e estranxeiros interesados neste campo de traballo". A Fundación colaborou na súa creación e desenvolvemento sendo o seu antecedente o Departamento de Filoloxía Románica - Especialidade Galega.

anterior

siguiente

Instituto de Ciencias Neurolóxicas

1971

Foi creado para a difusión das ciencias neurolóxicas mediante cursos, seminarios, programas de doutoramento e publicacións científicas.

anterior

siguiente

Construción Escolas de Arquitectura

1973

Tras a sinatura dun convenio co Ministerio de Educación daban comezo as obras de construción das Escolas Técnica e Superior de Arquitectura. Coa construción das Escolas de Arquitectura non só se cumprían os desexos expresos de Pedro Barrié, o fomento en Galicia da formación de técnicos necesarios para as obras de transformación do país. Tamén comezaba unha relación especial da Fundación con esta disciplina que se concreta nunha liña de exposicións e no coidado na construción das súas sedes.

anterior

siguiente

Catalogación Arqueolóxica e Artística de Galicia

1973

O convenio entre o Museo de Pontevedra e a Fundación posibilitou o rexistro de monumentos e obras de arte, tarefa imprescindible paro o seu estudo e protección. Un proxecto no que confluían os proxectos históricos de institucións como o Seminario de Estudos Galegos e o traballo de persoas individuais como Ángel del Castillo, o que permitiu un enfoque a un tempo amplo e específico en cada unha das áreas do noso patrimonio.

anterior

siguiente

Servizo de Publicacións

1973

Coa edición do Inventario da Riqueza Monumental e Artística de Galicia de Ángel del Castillo, obra de referencia durante décadas para o estudo do noso patrimonio documental e unha obra emblemática para a nosa cultura, "toda galicia vai nel" en palabras do profesor Filgueira Valverde, arrancaba a actividade do noso Servizo de Publicacións.

anterior

siguiente

Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Industriais

1975

Un dos requisitos para a modernización dun país é a construción dun tecido académico que permita a formación de técnicos dentro deste. Coa Escola de Enxeñeiros en Vigo, que complementaba en certa forma a de Arquitectos na Coruña, completábase un vello soño de Pedro Barrié: pór as primeiras pedras dunha formación académica plenamente orientada á mellora económica da nosa terra.

anterior

siguiente