© Fundación Barrié
Inicio / Patrimonio e Cultura / Conservación e recuperación do Patrimonio / Programa Catedral de Santiago / Mapa de Estudo do Pórtico

Fase de estudos previos levados a cabo no Pórtico da Gloria

(2009-2011)

Os estudos que se levaron a cabo e nos que se basean as conclusións para a proposta de intervención son:

  • Documentación histórica e planimétrica: realizouse unha primeira investigación histórica revisando os arquivos documentais e fotográficos así como as fontes bibliográficas. Esta investigación proporcionou datos de interese sobre as transformacións do monumento e as antigas intervencións habidas.

Como soporte gráfico para os estudos partiuse da documentación planimétrica do Plan Director e das ortoimaxes elaboradas pola Universidade de Cottbus. Tamén se realizou unha documentación fotográfica exhaustiva.

  • Estudos construtivo-estruturais: realizouse un estudo pormenorizado do conxunto do Pórtico mediante diferentes sistemas de exame e análise (magnetometría, videoendoscopio, ultrasóns, cálculo numérico MEF, vibrometría, monitorización estrutural), identificando as técnicas de execución, as diferentes fases e anomalías construtivas, as relacións estáticas entre os elementos existentes, os fenómenos cinemáticos, a xeometría e a patoloxía estrutural.

Do punto de vista estático a situación do Pórtico é estable, se ben se detectan numerosas fendas especialmente significativas no arco da Epístola. Trátase de lesións antigas pois xa durante a construción do Pórtico se tiveron que realizar algúns axustes. Desde a orixe da catedral existiu un problema de asentamento que afectou de xeito especial á torre sur.

A monitorización estrutural iniciada en 2009 confirma os movementos das torres, a estabilidade da contrafachada, o afondamento no pavimento da cripta e as rotacións das xambas dos piares. Os movementos máis significativos localízanse no lado sur. Para chegar a resultados concluíntes cómpre completar ciclos anuais de medicións que permitan datos comparativos. A monitorización continuará en 2012.

  • Estudos de sales e humidades: comprobouse o contido de humidade e sales solubles nos muros e recheos do contorno do Pórtico, podendo chegar a identificar os puntos críticos de entrada de auga e o seu percorrido ata chegar ás esculturas policromadas. As sales proceden do exterior, a pedra, os recheos e o guano animal. As concentracións maiores detéctanse na zona sur. A principal intrusión de auga activa sitúase agora nos muros das dúas torres con fluxos secundarios que penetran cara a o interior do edificio, sendo o lado sur o máis afectado.
  • Estudo da biodeterioración: realizouse un estudo das colonias biolóxicas que se forman principalmente na zona sur do Pórtico como consecuencia do elevado contido de humidade, identificando as especies e seleccionando o tratamento máis axeitado para a súa eliminación e prevención.
  • Estudo do material pétreo e dos morteiros: caracterizáronse os catro tipos de granito e mármore empregados para a construción do Pórtico, de grao fino e máis groso, así como as súas canteiras de orixe e os procesos de deterioración que lles afectan. Algunhas variedades de material pétreo encontrado no Pórtico coinciden con canteiras situadas na zona que sube desde Figueiras-Folgoso ata os montes de Piñor-A Corba-Vrins-A Portela.

Tamén apareceron restos de morteiros de cal no interior das xuntas, posiblemente orixinais, e outras mesturas menos porosas con cemento, aplicadas en recentes intervencións.

  • Estudo da policromía: mediante unha primeira fase con técnicas non destrutivas e dúas campañas de toma de micromostras identificáronse cinco intervencións polícromas sobre o Pórtico.

Para poder iniciar este estudo eliminouse o po incoherente depositado sobre a superficie das esculturas.

Elaboráronse unhas fichas detalladas de cada elemento escultórico sinalando os restos de policromía e o seu estado de conservación.

Por primeira vez é posible definir unha clara secuencia das policromías no Pórtico. Identificáronse ata cinco estratos diferenciados nalgunhas zonas:

Primeira policromía: consérvanse abundantes restos sobre todo no arco dos anciáns. Emprego de pan metálico de ouro puro de gran calidade e de lapislázuli como pigmento azul, tratándose probablemente da policromía orixinal. Denota un importante investimento económico acorde á importancia da obra.

Segunda policromía: os materiais empregados son de menor calidade (o ouro xa non é puro, contén prata, e a azurita substitúe ao lapislázuli). A policromía anterior perdérase nalgunhas zonas e vólvese decorar a maior parte do Pórtico, pero os pigmentos altéranse por efecto da humidade ao estar aberta a fachada.

Terceira policromía: utilizáronse técnicas decorativas de gran riqueza ornamental a base de ouro e relevos como os estofados e os brocados aplicados.

Cuarta policromía: podería corresponder á intervención de Crispín de Evelino no s. XVII, a única da que temos constancia documental.

Quinta policromía: aparecen pigmentos que xorden no s.XIX e podería pórse en relación coas actuacións máis recentes.

As dúas primeiras policromías son medievais e realizaríanse antes da colocación das portas na fachada occidental do Obradoiro no s. XVI, a iso debe atribuírse que os pigmentos aparezan moi alterados por efecto da humidade.

A segunda e a terceira aplícanse a toda a superficie do Pórtico, mentres que as dúas últimas (4ª e 5ª) son máis recentes e corresponden a reparacións puntuais das zonas máis degradadas.

Puidemos constatar que a imaxe que ofrecía o Pórtico ata o século XIX estivo chea de cor e os motivos decorativos fóronse enriquecendo co paso do tempo, reparando as zonas deterioradas. Pero a partir de finais do XIX sufriu os efectos de intervencións agresivas e sobre todo da humidade, degradándose considerablemente. Non obstante, os restos conservados son abundantes y susceptibles de pór en valor.

Aínda que non será posible recuperar o aspecto que tivo o Pórtico en épocas pasadas, si poderemos devolverlle a súa dignidade estética e simbólica hoxe devaluada.

Durante a fase de restauración farase un estudo de correspondencia de policromías para coñecer con exactitude as distintas fases decorativas en todas as zonas do  Pórtico e o seu contorno. Isto permitiranos no futuro reproducir con técnicas virtuais como se foi modificando o seu aspecto ao longo do tempo para adaptalo á estética de cada época.

  • Estudos medioambientais: en 2012 finaliza a segunda fase da monitorización mediambiental que nos permitiu ter un estudo microclimático do contorno do Pórtico da Gloria. Coñecer os valores de humidade relativa, de temperatura, os contaminantes, a circulación do aire, a iluminación. Este coñecemento é imprescindible para poder formular medidas de control respectando sempre o uso do edificio. As conclusións desta segunda fase indican que existe inestabilidade ambiental que favorece a formación de depósitos de suciedade, unha elevada humidade por falta de ventilación controlada, variacións de temperatura pola insolación e un risco de condensación sobre os materiais do Pórtico.

Neste sentido tomáronse xa algunhas medidas preventivas como a colocación duns sensores nas xuntas para controlar o proceso de secado e duns filtros protectores nos ventanais do Pórtico para atenuar o efecto da radiación solar sobre los relevos.

  • Ensaios de tratamentos: testáronse distintos sistemas de limpeza, eliminación de sales, fixación, consolidación, desbiotización e rexuntado, tanto no laboratorio como sobre a superficie do Pórtico, podendo chegar a determinar os tratamentos máis efectivos e inocuos que se aplicarán durante a fase de intervención. Para valorar o efecto dos sistemas de limpeza ensaiados (mecánico, químico e láser) utilizáronse distintas técnicas analíticas como a microscopía con focal, a microscopía electrónica de varrido e a caracterización espectral e colorimétrica.