Inicio / Sala de prensa / Nota de prensa exposición Víctor Said Armesto

BUSCAR

FILTRAR

ÁREA
DATA

Memoria Anual 2017

Memoria corporativa e edicións anteriores

SUBSCRICIÓN AO NEWSLETTER

Reciba no seu correo toda a actualidade da Fundación Barrié

Subscribirse

CONTACTO DE PRENSA

Suzana Mihalic
Directora de Comunicación e Imaxe Corporativa


T. +34 981 060 091 / 659 459 030
smihalic@fbarrie.org


A Fundación Barrié presenta na súa sede de Vigo a exposición Víctor Said Armesto. A lección dun cidadáno libre sobre o ilustre e polifacético pensador pontevedrés

01-01-1970

Exposición e proxecto educativo Víctor Said Armesto. A lección dun cidadán libre que a Fundación Barrié inaugura o 21 de outubro, na súa sede de Vigo, que achegará á cidadanía, ata finais de febreiro de 2016, unha figura imprescindible na cultura española no tránsito do século XIX ao XX, escasamente coñecida na actualidade e cuxo Arquivo persoal foi doado á Fundación pola súa filla Eugenia Said Santoro en 1992, e que se custodia na Biblioteca da Fundación na Coruña.

A exposición, comisariada por Diego Rodríguez, bibliotecario da Fundación Barrié foi amosada na sede coruñesa da Fundación Barrié, entre o 4 de decembro de 2014 e o 15 de marzo deste ano. 

Víctor Said Armesto na súa biblioteca
© Fundación Barrié

Vigo, 25 de setembro de 2015.- A Fundación Barrié inaugura o 21 de outubro, na súa sede de Vigo a exposición e proxecto educativo Víctor Said Armesto. A lección dun cidadán libre, que achegará á cidadanía, ata finais de febreiro de 2016, unha figura imprescindible na cultura española no tránsito do século XIX ao XX, escasamente coñecida na actualidade e cuxo arquivo persoal foi doado á Fundación pola súa filla Eugenia Said Santoro en 1992, e que se custodia na Biblioteca da Fundación na Coruña.
 
A exposición comisariada por Diego Rodríguez, bibliotecario da Fundación Barrié ven de ser amosada na sede coruñesa da Fundación Barrié, entre o 4 de decembro de 2014 e o15 de marzo deste ano.
 
 
A exposición é unha produción propia da Fundación Barrié, en colaboración coa Xunta de Galicia, o Museo do Pobo Galego e a Deputación de Pontevedra. A mostra, que ocupa as plantas 3ª e 4ª da sede, pretende contextualizar a figura do polígrafo, a través da voz dos seus contemporáneos e da documentación do propio Said e tenta salientar dous trazos morais que son tamén trazos intelectuais: a independencia de criterio e a solidez e coherencia coa que Said se interna nos máis diferentes eidos culturais e humanísticos. Por iso non existe solución de continuidade entre a súa actividade política, filosófica, xornalística e filolóxica, e toda ela está impregnada dun sentimento de galeguidade que o caracteriza.
 
A exposición acompáñase dun programa educativo, gratuíto para o público, composto por obradoiros para escolares, familias e outros colectivos, visitas comentadas e campamentos de Nadal. Reservas no 981 060 095.
 
Víctor Said Armesto. A lección dun cidadán libre trata de dar unha visión intelectual e humana da figura de Víctor Said Armesto, a través do seu legado escrito, dándolle voz aos seus contemporáneos e contextualizando a súa obra, co fin de rescatala do esquecemento. Por ela transitan os amigos e mentores de Said: Manuel Murguía, Miguel de Unamuno, Indalecio Armesto ou Emilia Pardo Bazán; as cidades que marcaron a súa vida: Pontevedra e Madrid, ou os temas de relevancia universal nos que Said foi quen de facer unha achega orixinal como o mito de don Juan, ou o de Tristán, que Said alumeou dende a tradición recollida en Galicia.
 
Esta exposición enmárcase nas actividades conmemorativas do centenario do pasamento do polígrafo pontevedrés que se veñen desenvolvendo desde setembro de 2014 coordinadas polo Catedrático de Música da USC, Carlos Villanueva. A figura de Víctor Said Armesto, folclorista, filólogo e pensador político, primeiro catedrático de Literatura galego-portuguesa e continuador dunha estirpe de intelectuais que agromou en Galicia dende o republicanismo do Sexenio Revolucionario vén de ser abordada nun simposio celebrado na Coruña e Santiago a de Compostela, onde se trataron os aspectos do labor etnográfico, político e musical de Said Armesto; nun ciclo de conferencias no Museo de Pontevedra e na etapa coruñesa da exposición que hoxe se inaugura na sede de Vigo.
 
Víctor Said Armesto (Pontevedra 1871 -Madrid 1914) é o primeiro catedrático en España de Literatura galego-portuguesa e continuador dunha estirpe de pensadores que transitaron en Galicia no republicanis­mo máis radical do Sexenio Democrático (Indalecio Armesto ou Jesús Muruais). Co­laborador estreito de Casto Sampedro na Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra, foi elixido entre os 10 primeiros intelectuais que se convocaron en 1905, baixo a presi­dencia de Manuel Murguía, para a constitu­ción da Academia Galega. Xornalista, folclo­rista, filólogo, filósofo, catedrático de universidade e escritor, Said encamiña a súa liña de pensamento cara a temas propios das preocupacións rexeneracionistas finise­culares (educación, utopía social, etc.), pero as súas tendencias e orientacións, en princi­pio de fondo contido social e político, van afastándose da realidade cotiá, refuxiándose na abstracción do medievalismo científico e nunha realidade de Galicia enriquecedora, ideal, esteticista e plena de contidos identi­tarios de sabor romántico.
 
Non é, pois, estraño que a máxima preocu­pación dos seus derradeiros escritos se con­centre na procura da relación de contos e romances galegos, que durante toda a súa vida recolleu, co amplo repertorio do ciclo francés e bretón sobre Tristán, o Grial, Per­ceval, etc. Said probará ese mesmo modelo, identitario, pasadista e esencializador de tradicións, na súa ópera La flor del agua, con música de Conrado del Campo, obra que sintetiza a estética, a didáctica e a ideoloxía deste poderoso pensador galego falecido en xullo de 1914, cando aínda resoaban os aplausos á súa obra, considerada para moitos como renovadora para a escena española.

O Arquivo Said Armesto da Biblioteca da Fundación Barrié contén o arquivo persoal de Víctor Said Armesto. A súa prematura morte truncou a que prometía ser unha das traxectorias máis brillantes dentro do grupo de científicos e intelectuais españois que adoita identificarse coa xeración europea do 14, e o seu arquivo persoal foi doado á Fundación Barrié pola súa filla Eugenia Said Santoro en 1992.
 
Este arquivo contén o manuscrito da súa obra Poesía popular gallega: colección de romances, baladas y canciones recogidas de la tradición oral, obra inédita publicada pola Fundación Barrié. Inclúe tamén o seu epistolario persoal con importantes personalidades da súa época, coa correspondencia recibida de Miguel de Unamuno, Leopoldo Alas, Manuel Azaña, Américo Castro, José Echegaray, Marcelino Menéndez Pelayo, Ramón Menéndez Pidal, Eugenio Montero Ríos, Manuel Murguía, José Ortega y Gasset, Ramón Pérez de Ayala, Benito Pérez Galdós e Carolina Michäelis de Vasconcellos, entre outros.

Tamén contén notas e comentarios para un dicionario etimolóxico galego, estudos sobre literatura galaico-portuguesa, literatura española, poesía provenzal e os manuscritos dalgunhas da súas obras teatrais, como La flor del agua.