BUSCAR

FILTRAR

ÁREA
FECHA

Memoria Anual 2022

Memoria corporativa y ediciones anteriores

SUSCRIPCIÓN AL NEWSLETTER

Reciba en su correo toda la actualidad de la Fundación Barrié

Suscribirse

CONTACTO DE PRENSA

Suzana Mihalic
Directora de Comunicación e Imagen Corporativa


T. +34 981 060 091 / 659 459 030
smihalic@fbarrie.org


15-06-2023

  • A nova aplicación, dispoñible para Android e iOS, pretende axudar a fixar o léxico normativo, dándolles aos falantes máis seguridade, naturalidade e coñecemento dun xeito ameno e divertido
  • A base de todos os xogos é o Dicionario da Real Academia Galega. A renovación tecnolóxica desta ferramenta imprescindible para a aprendizaxe do idioma, realizada ao abeiro do convenio coa Fundación Barrié, permite que os xogos sexan creados de xeito automático a partir da súa base de datos
  • Os xogadores e xogadoras poderán coñecer o seu propio progreso e tamén competiren con outros usuarios sabendo quen ocupa o podio en cada momento

Carmen Arias, directora da Fundación Barrié e Víctor F. Freixanes, presidente da RAG na presentación do Ximnasio Léxico
© Fundación Barrié

A Coruña, xoves 15 de xuño de 2023 – Aprender e afianzar o léxico galego divertíndose e competindo. Este é o propósito do Ximnasio Léxico, a aplicación de xogos baseada no Dicionario da Real Academia Galega que xa pode descargarse en todos os dispositivos móbiles de Android e iOs. O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e a directora da Fundación Barrié, Carmen Arias, presentaron hoxe esta nova ferramenta concibida para reforzar o vocabulario normativo. Con esta proposta ambas as institucións avanzan na súa colaboración para fornecer o público de todas as idades de recursos que contribúan á divulgación da lingua galega e a darlles máis seguridade e naturalidade na expresión a todos os falantes, desta volta cunha aplicación participativa de xogos e descubertas arredor do galego.

A Fundación Barrié colabora coa Academia dende os seus comezos en numerosos proxectos que abranguen dende a edición de clásicos ata a dixitalización de fondos históricos. A partir do ano 2008 este apoio centrouse no eido lexicográfico, nomeadamente na modernización tecnolóxica que permitiu a posta en marcha do dicionario en liña no ano 2012, que conta tamén cunha aplicación para Android e iOs. Dende 2013 a Real Academia Galega e a Fundación Barrié manteñen vivo o Portal das Palabras, un espazo web para a divulgación do léxico que prima a amenidade.
 
“Con esta iniciativa a RAG continúa avanzando na estratexia de incorporar a lingua ás tecnoloxías da comunicación e faino ademais aproveitando os aspectos lúdicos e didácticos, pensando principalmente nas novas xeracións, se ben o Ximnasio Léxico é unha aplicación atractiva para persoas de todas as idades”, expresou o presidente da Academia na rolda de prensa de presentación da aplicación. “Non é o primeiro proxecto que desenvolvemos nesta liña, pero si que é probablemente o máis ambicioso, e esperamos darlle continuidade contra finais deste ano nunha grande olimpíada da lingua galega”, engadiu Víctor F. Freixanes, que agradeceu a sensibilidade e colaboración da Fundación Barrié para facer realidade esta ferramenta.
“Levabamos moitos anos facendo preguntas ao dicionario: agora pregunta el”, declarou Carmen Arias Romero. “O proxecto permite cumprir unha das principais vocacións da Fundación Barrié: actuar como fermento, potenciar o traballo doutras institucións, neste caso o feito arredor do dicionario da Real Academia Galega”, explicou a directora da Fundación Barrié.
 
Ximnasio Léxico
O dominio dunha lingua non significa só coñecer un repertorio léxico senón tamén ser quen de empregar as palabras con naturalidade e espontaneidade. Dunhas só é preciso saber vagamente o significado. Outras xa están no vocabulario cotián, pero en ocasións deformadas, pois atribúeselles un significado equivocado ou tenden a escribirse incorrectamente. O Ximnasio Léxico permite adestrar o manexo óptimo do vocabulario xogando de distintas maneiras.
 
As persoas xogadoras poden elixir simplemente adestrar, o que permite escoller o tipo de xogo que interese máis en cada momento, ou ben competir. A opción do adestramento facilítalles aos usuarios e usuarias afacerse á mecánica dos xogos antes de dar o salto á competición, estruturada en tres niveis: inicial, medio e superior. Para avanzar dun nivel a outro é preciso sumar un número determinado de puntos en cada un dos seis xogos. Cada vez que a persoa xogadora suba de nivel aumentará a dificultade das propostas.
 
A dinámica dos seis xogos
O circuíto proposto consta de seis xogos. Tres deles, os chamados aparellos, Bule, Rube e Une, constitúen o corazón da aplicación e constrúense a partir das voces recollidas no dicionario en liña da Real Academia Galega. O primeiro, Bule, ofrece a definición dunha palabra e tantos recadros como letras ten para ir completándoa co teclado, Rube consiste en adiviñar a palabra agochada, da que só se ofrece o número de letras, e Une funciona emparellando a palabra da columna esquerda co seu sinónimo, disposto á dereita entre outros vocábulos.
 
Os outros tres, as Vitaminas, emerxen cando a persoa xogadora acada un determinado número de puntos en cada nivel. Na primeira débese atopar, agochada entre outras letras, a palabra que completa o título dunha obra das letras galegas. A segunda esixe completar uns versos ou un dito popular coa voz que falta e a terceira propón acertar, entre un grupo de lemas, cal é o vocábulo que non pertence a un determinado grupo semántico.

RECURSOS DISPONIBLES

Imágenes